Sant Climent de Llobregat é un municipio da provincia de Barcelona, en Cataluña, pertencente á comarca do Baix Llobregat. Limita ao norte con Torrelles de Llobregat e Santa Coloma de Cervelló, ao leste con Sant Boi de Llobregat, ao sur con Gavà e Viladecans, e ao oeste con Begues.
Trátase dunha vila milenaria, que xa aparece en documentos do ano 970. Destaca a súa igrexa do século X, aínda que reformada en varias ocasións, a última no século XVIII, que conserva o único campanario románico da comarca. Tamén o Museo de Eines del Pagès, con diferentes ferramentas de traballo tradicionais do mundo rural. A actividade máis destacable é o cultivo de cerdeiras, apreciadas pola súa calidade. Na primeira fin de semana de xuño celébrase a "Festa de les Cireres".
Tiña en 2017 unha poboación de 4.038 habitantes.