O primoxénito de Afonso X, Fernando de la Cerda, non chegou a reinar ó falecer antes có seu pai. O rei Sabio deixou escrito no seu testamento que o reino debía pasar ó seu neto primoxénito, o infante Alfonso de la Cerda e ó mesmo tempo desherdaba ó seu segundo fillo, Sancho.
Porén, Sancho proclamouse rei sen respectar a vontade do seu pai, e foi coroado en Toledo en 1284. Foi recoñecido pola maioría dos pobos e dos nobres, pero ó mesmo tempo houbo un grupo bastante numeroso de partidarios dos Infantes de la Cerda, que reclamaban o acatamento do testamento. Durante todo o reinado deste monarca houbo loitas internas e pelexas por alcanzar o poder. Un dos personaxes que máis discordias provocou foi o infante Xoán (irmán de Afonso X), e á súa causa uniuse o nobre Lope Díaz III de Haro, oitavo señor de Biscaia. O rei Sancho fixo executar ó de Haro e mandou encarcerar ó seu tío, o infante Xoán. Tamén, segundo as crónicas, deu a orde de executar 4.000 seguidores dos infantes de la Cerda, pasándoos a coitelo, en Badaxoz, a 400 en Talavera e a outros moitos en Ávila e Toledo.
Despois destes acontecementos perdooulle ó seu tío Xoán, quen ó pouco tempo se volveu sublevar, ocasionando o conflito de Tarifa. Xoán chamou na súa axuda os benimerines de Marrocos e sitiaron a praza que estaba defendida polo seu gobernador Guzmán el Bueno, señor de León. Alí ocorreu o famoso acto heroico e a morte inocente do fillo de Guzmán. A praza de Tarifa foi fielmente defendida e os benimerines regresaron ó seu lugar de orixe. Desbaratáronse deste modo os plans do infante Xoán e os do sultán de Marrocos, que pretendía unha invasión.
Ó subir ó trono de Aragón Xaime II houbo un achegamento con Sancho IV, e os dous reis, unidos, deron un novo impulso á Reconquista.
O rei Sancho IV foi un gran amigo, ademais de titor, do personaxe histórico coñecido como o Infante Juan Manuel.
Sancho morreu en 1295, deixando como herdeiro o seu fillo Fernando, de nove anos. Deixou tamén en herdanza as disputas e rivalidades cos infantes de la Cerda e os seus partidarios.