Sagitta ou Frecha,[1] é unha das tres constelacións máis pequenas, despois de Equuleus e Crux. Atópase dentro do perímetro do Triángulo de Verán, o grande asterismo formado por Deneb (α Cygni), Vega (α Lyrae) e Altair (α Aquilae). Localizada non moi ó norte do ecuador, esta constelación é visible dende calquera parte da Terra excepto no Círculo Polar Antártico.
Estrelas principais
- α Sagittae (Sham), aínda que con designación de Bayer Alpha é só a terceira estrela máis brillante da constelación, con magnitude 4,37. É unha xigante amarela cunha clasificación espectral G1 II a 610 anos luz e xunto con β Sge (de tamén 4,37 de magnitude) forman as plumas da vara dunha frecha ou as frechas de dobre punta usadas polo exército romano.
- γ Sagittae, a máis brillante con magnitude 3,47 e de tipo espectral M0 III, unha xigante vermella a 170 anos luz, que con δ Sge e ε Sge forman a vara da frecha.
- δ Sagittae, binaria espectroscópica composta por unha xigante vermella e unha estrela branca, do tipo espectral M2 II+A0 V e magnitude 3,82.
- ε Sge: de tipo espectral G8 III e magnitude 5,66, estrela múltiple (con 4 compoñentes; compoñente B é óptica)
- η Sge: estrela de clase espectral K2 III con magnitude 5.1 que pertencen ó grupo en movemento Hyades.
- 13 Sagittae (VZ Sagittae), xigante vermella e variable irregular cunha magnitude que varía entre 5,27 e 5,57.
- 15 Sagittae, con magnitude 5,8 é unha estrela binaria formada por unha anana amarela semellante ó Sol e unha anana marrón.
- U Sagittae, unha interesante variable eclípsante composta por unha estrela azul e outra laranxa, cunha magnitude que oscila entre 6,5 e 9,3 en pouco máis de tres días e nove horas.
- FG Sagittae, estrela dunha nebulosa planetaria cunha cor e temperatura que foi mudando ó longo dos últimos 100 anos.
- HD 231701, estrela amarela cun planeta extrasolar.
- WR 124, estrela de Wolf-Rayet rodeada pola nebulosa M1-67.
Obxectos Notables do espazo profundo
Historia
No pasado A Farsa (Sham) designaba a toda a constelación no canto de só a α Sge. Esta constelación é un dos casos onde Johann Bayer errou ó nomea-la estrela máis brillante nun simple status γ. Outro exemplo do mesmo tipo de erro dáse na constelación Saxitario.
Mitoloxía
Os antigos hebreos, persas, árabes, gregos e romanos xa consideraron que este grupo de estrelas era unha frecha.
Segundo Eratóstenes, era a frecha que Apolo utilizou para matar ós Ciclopes, en vinganza porque o seu fillo Asclepio fora matado. Apolo despois escondeu a frecha no país dos hiperbóreos e recuperouna despois de que Zeus o tivese perdoado por este acto unha vez que Apolo rematara de servir ó rei Admeto.
É lembrada coma a tradicional frecha coa que Hércules matou a aguia (Aquila) de Xúpiter que devoraba a perpetuidade ó fígado de Prometheus. A frecha atópase un pouco abaixo da Aguia. Algúns ven a frecha apuntando ó leste e outros o oeste. En concordancia coa historia de Aquila, esta debería apuntar ó oeste, ameazando á Aguia. Outro pensaban que a frecha era o disparo efectuado por Hércules contra os paxaros de Estínfalo (6ª tarefa) que tiñan plumas, pico e garras de aceiro, e vivían de carne humana nas marismas de Arcadia. Algunhas veces tamén é tomada por unha frecha de Cupido.
Notas
Véxase tamén
Outros artigos
Bibliografía
Ligazóns externas