Naceu no pazo da Viña, no lugar da Viña, fillo de Dolores Otero e do médico José Valenzuela Ulloa. Estudou o bacharelato en Santiago de Compostela e, no curso 1931-32, matriculouse en Dereito. Ao ano seguinte fíxoo en Filosofía e Letras. En 1933 ingresou na Escola Normal de Pontevedra. Rematados os tres cursos de Maxisterio, foi destinado a Vigo como mestre, cargo que non chegou a exercer polo comezo da guerra civil.
Desenvolveu por eses anos unha intensa actividade na Bandeira: en 1930, creou, nunha casa do pai, unha escola para adultos na que impartiu clases en galego; no verán de 1933 formou con outros mozos un cadro teatral co ánimo de recadar fondos para a difusión cultural que chegou a representar algunhas obras. Organizou tamén un grupo de Ultreya.
En 1933 apareceron os seus primeiros escritos: unha serie de Cartas a Alfonso d’Outeiro, asinadas como Ramón da Viña, publicadas no periódico lalinense Razón dirixido polo galeguistaJesús Iglesias Surribas. En Razón apareceu tamén o seu primeiro conto: O billete de ida e volta.
Nos anos 1934 e 1935, co pseudónimo de Pepe dos Cestos, narrou contos populares en Radio Pontevedra, en teatros e nalgunha feira da Bandeira. Como tal actuou no Casino de Lalín en novembro de 1934, acompañando ao coro Airiños da Ulla. Abandonou esta actividade por considerar que non contribuía a formar unha conciencia galega e podía dar unha visión ridícula do labrego. O 15 de agosto de 1933 participou na Pelingrinaxe ao Candán (unha festa de exaltación galega en homenaxe ao 25 aniversario da Sociedad Hijos de Silleda) xunto a Ramón Suárez Picallo, Eduardo Blanco Amor e Antón Alonso Ríos.
Actividade política na II República
En 1935, incorporouse ás Mocedades Galeguistas. Nese mesmo ano, a IV Asemblea do Partido Galeguista, celebrada en Santiago de Compostela, elixiuno conselleiro en representación da zona Lalín-A Estrada. Valenzuela emprendeu a súa actividade política para reorganizar o partido: visitou os grupos xa constituídos e promoveu unha campaña de propaganda para crear novos. O seu proxecto de reorganización aparece en A Nosa Terra e consistía nunha estrutura baseada en células parroquiais de cinco membros, que enviarían un representante á Asemblea Comarcal.
Interveu nos mitins do Partido Galeguista da zona: no de Lalín, o 1 de setembro de 1935, xunto con Castelao (a primeira aparición deste, logo do exilio en Badaxoz); no da Estrada, en xaneiro de 1936, con Víctor Casas e Castelao. Participou activamente na Campaña do Estatuto de Autonomía. Colaborou tamén co Seminario de Estudos Galegos na Sección de Etnografía e Folclore.
Guerra e prisión
En agosto de 1936, foi detido na Bandeira e encarcerado na prisión de Silleda. Conducido á de Compostela, logrou saír polos bos oficios dun familiar. Con todo, e ante a inseguridade de andar fuxido, ingresou como voluntario no exército sublevado, coa intención de cambiar de bando. Destinado a Cáceres, o 8 de decembro de 1937, pasou ao bando republicano, incorporándose ao cuartel xeral da división que mandaba Enrique Líster.
En Barcelona colaborou cos galegos da zona leal, uníndose á Solidaridade Galega Antifeixista, da que foi Secretario de Información e Prensa. Desempeñou varios cargos no Partido Galeguista: secretario xeral e secretario de organización. Escribiu no periódico Nueva Galicia.
En 1939 pasou a Francia cos restos do exército republicano. Internado no campo de concentración de Argelès, recibiu axuda da Sociedad Pro-Escuelas en Bandeira. Xa en liberdade, colaborou co 2º Boureau de exército francés como oficial republicano. Alí coñeceu a quen había ser a súa muller, María Victoria, filla do deputado Elpidio Villaverde. Co estalido da Segunda guerra mundial, a familia Villaverde marchou para a Arxentina, pero Valenzuela permaneceu en Francia, para continuar a loita contra o fascismo. Coa ocupación alemá, a Gestapo prendeuno e entregouno á policía política franquista. Foi xulgado en Ávila e condenado a 20 anos e un día, que empezou a cumprir na mesma prisión de Ávila. En 1944 saíu do cárcere en liberdade vixiada e inhabilitado para a docencia. Instalouse en Vilagarcía de Arousa, onde traballou como axente comercial e dirixiu unha explotación de arxila en Noalla.
Casou con María Victoria en febreiro de 1945. Nese ano retomou os estudos universitarios e en 1947 licenciouse en Filosofía e Letras, sección de Historia. En 1949, despois de conseguir o indulto que o liberaba do réxime de prisión atenuada, marchou a Buenos Aires coa súa familia.
A súa primeira novela Non agardei por ninguén publicouse en 1957, en Buenos Aires. Nela relata os acontecementos de 1936 ata o seu paso á zona republicana.
A obra de Ramón de Valenzuela está marcada polo carácter autobiográfico, no cal domina a acción sobre a descrición. As súas obras tamén se caracterizan polo uso de técnicas do relato oral, como o uso da primeira persoa, e por retratar os personaxes con gran precisión e autenticidade.[4]
Homenaxe a Antón Alonso Ríos e Ramón de Valenzuela. Xunta de Galicia: Consellería de Cultura e Deporte: Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural, 2006.