A Provincia autónoma de Bolzano é unha provincia da rexión italiana de Trentino-Tirol do Sur. Á capital é Bolzano (en alemán Bozen, en ladino Bulsan ou Balsan).
En italiano a provincia é oficialmente Provincia Autonoma di Bolzano – Alto Adige, pero por costume emprégase só Alto Adige. Este é un nome xeográfico de orixe francesa (Haut-Adige), imposto durante a ocupación napoleónica, que fai referencia ao río Adige nado nesta provincia.
O topónimo oficial alemán é Autonome Provinz Bozen – Südtirol, pero na linguaxe popular úsase simplemente Südtirol, nome que corresponde á rexión histórica e xeográfica do Tirol, unidade administrativa do Imperio Austrohúngaro até o ano 1918. Os habitantes de lingua alemá definen Tirol do Sur como Land (como os Länder de Alemaña e Austria) en vez de provincia.
En lingua ladina esta rexión denomínase Provinzia Autònoma de Bulsan – Südtirol, como tamén Südtirol.
A Constitución de Italia (art. 116) recoñece desde o 18 de outubro de 2001 a versión italiano-alemá Alto Adige/Südtirol.
Ademais todos os topónimos deber ser bilingües, ou trilingües nas zonas ladinas. A maioría das denominacións xeográficas italianas son achegadas por Ettore Tolomei, autor do Prontuario dei nomi locali dell'Alto Adige.
A provincia limita polo norte e polo leste cos estados austríacos de Tirol e Salzburgo, polo oeste con Suíza (Cantón dos Grisóns), polo sueste coa provincia de Belluno (rexión do Véneto), polo sur coa Provincia autónoma de Trento e polo suroeste, co paso do Stelvio, coa provincia de Sondrio (rexión da Lombardía).
O territorio é enteiramente montañoso, o Ortles (Ortler en alemán) é con 3.905 metros o cumio máis alto. Ademais está irrigado por varios cursos de auga: o Adigio/Etsch, o Isarco/Eisack, o Rienza/Rienz, o Passirio/Passer, o Talvera/Talfer. Tamén existen algúns lagos: Lago di Resia/Reschensee, Lago di Caldaro/Kalterer See, Lago di Monticolo/Montiggler See, Lago di Braies/Pragser Wildsee, Lago di Varna/Vahrner See.
A provincia autónoma de Bolzano consta de 116 concellos, que se agrupan en oito distritos.
Os distritos (comunità comprensoriali en italiano ou ben Bezirksgemeinschaften en alemán) son:
A maioría da poboación fala un dialecto alemán, algo menos dun terzo ten o italiano como lingua materna e unha pequena minoría é de fala ladina.