Pierre Simon Benjamin Duvivier, nado en París o 5 de novembro de 1730 e finado na mesma cidade o 10 de xullo de 1819, foi un medallista e deseñador de moeda francés, o décimo terceiro en ocupar o posto de gravador xeral de moedas de Francia.[1]
Pierre Simon Benjamin Duvivier naceu o 5 de novembro de 1730 en París, un dos dezasete fillos do gravador Jean Duvivier (1687-1761),[2] medallista oficial de Lois XV (1715-1774)[3] e de Marie-Louise Vignon (finada en 1756), unha familia proveniente de Liexa.[4] Un dos seus irmáns foi o pintor e gravador Thomas Germain Joseph Duvivier.[5] A súa irmá Jeanne Louise Françoise casou co tamén gravador Jacques Nicolas Tardieu (1716-1791).[6][7]
Benjamin Duvivier ingresou no Collège des Quatre-Nations, da antiga Universidade de París, para estudar Humanidades e Filosofía, e alí coñeceu e estableceu amizade con Abraham Hyacinthe Anquetil-Duperron e con Nicolas Louis de Lacaille, o futuro astrónomo. Chegou a planear unha viaxe de exploración con Anquetil-Duperron, que se viu obrigado a cancelar por motivos de saúde.[8]
A decisión de Benjamin de seguir unha carreira artística atopouse coa oposición drástica do seu pai. A raíz deste conflito abandonou o fogar familiar e instalouse coa súa irmá e o seu cuñado, Tardieu, quen contribuíu na súa formación como gravador.[8][9]
O 25 de setembro de 1756 gañou unha medalla concedida pola Academia Real de Pintura e Escultura, cun gravado dunha escena da natureza.[8]
Jean Duvivier, o seu pai, finou o 30 de abril de 1761, e entón Benjamin solicitoulle ao rei poder continuar co posto que aquel ocupaba nas galerías do Louvre. Esta solicitude foille concedida o 7 de xuño de 1762 e Benjamin asumiu o antigo cargo do seu pai de medallista real.[8][10] O 24 de novembro de 1764 foi admitido como membro da Real Academia de Pintura e Escultura, que o recibiu o 28 de decembro de 1776 e da que foi nomeado conselleiro en 1792.[2][3] O 13 de febreiro de 1765 logrou do rei o seu permiso para pasar un ano en Italia.[11] O 21 de agosto de 1774 acadou o posto de gravador xeral de moedas de Francia, logo de lle adquirir os dereitos do posto a Joseph Charles Roëttiers, que o tiña na súa posesión logo da morte do seu fillo, Charles Norbert Roëttiers.[2][12]
Duvivier foi autor de diversos retratos de membros da familia real durante os reinados de Lois XV e de Lois XVI (1774-1792). Entre 1765 e 1798 tivo unha presenza asidua nos Salóns de París, onde expuña as súas obras.[11][13][14] No Salón de 1773 amosouse unha comparativa entre unha medalla súa na honra de Federico III, duque de Saxonia-Gotha-Altemburgo, e o retrato deste elaborado polo seu amigo Jean Antoine Houdon.[15]
En 1788 pasou a figurar como asociado estranxeiro da Academia de Ciencia e Artes de Richmond, Virxinia, nos Estados Unidos. Entre as súas medallas máis salientables figuran a de George Washington (1776) e a de Gilbert du Motier, Marqués de Lafayette (1791).[16]
Duvivier foi mestre doutro dos seus cuñados, Pierre Joseph Tiolier (1763-1819), que chegou tamén a ser gravador xeral, en 1803.[17][18] Durante a Revolución Francesa, o 11 de xullo de 1791 o posto que ocupaba Duvivier foi amortizado e este foi substituído no seu traballo por un antigo discípulo seu, Augustin Dupré.[16] No entanto, continuou exercendo como creador de novas medallas e moedas, logo da súa destitución, ata 1801, data da súa derradeira medalla coñecida.[19]
As sinaturas de Benjamin Duvivier nas medallas e nas moedas nas que participou como deseñador ou como gravador son as seguintes: B. DUVIVIER ou B. DUVIV antes da morte do seu pai en 1791, e D·V ou DUV· ou DUVIV· ou DUVIVIER, logo do falecemento daquel.[20]
En 1806 Duvivier foi designado membro da sección de gravado da Escola de Belas Artes do Instituto de Francia, logo do pasamento de Rambert Dumarest.[2]
Pierre Simon Benjamin Duvivier morreu en París o 10 de xullo de 1819.[3]