Residía na Coruña en 1814 cando foi denunciado polos absolutistas como un dos liberais máis radicais. Era secretario do xefe político e acababa de ser nomeado maxistrado de Pamplona cando a restauración do absolutismo freou a súa carreira.[6] Participou no pronunciamento constitucional coruñés de 1820.[1] Foi secretario da Sociedad Patriótica da Coruña e nomeado xefe político dos distritos de Tui e Ourense e posteriormente da provincia de Ourense (1822).[7] Fundou o Boletín Oficial de Ourense, de tendencia liberal.[8] En xuño de 1823 publicou Diálogo entre dos labradores gallegos afligidos y un abogado instruido, despreocupado y compasivo,[5] coloquio de propaganda ideolóxica liberal no que dous dos personaxes, os labradores Francisco González e Manuel Ribera, falan galego e os outros dous, o avogado e o amanuense, falan castelán.[4][9]
En xullo marchou exiliado a Porto, morrendo no mesmo ano, nun incendio,[10] cando ía embarcado fuxindo do absolutismo portugués.[7]