Once Upon a Time in Hollywood é un filme de 2019 escrito e dirixido por Quentin Tarantino. Producido por Columbia Pictures, Bona Film Group, Heyday Films, e Visiona Romantica e distribuído por Sony Pictures Releasing, é unha coprodución entre os Estados Unidos, o Reino Unido e a China. Está protagonizado por Leonardo DiCaprio, Brad Pitt e Margot Robbie. Ambientado en 1969 nos Ánxeles, o filme conta a historia dun actor e o seu dobre de acción, e contén diferentes liñas argumentais como un tributo ós momentos finais da idade dourada de Hollywood.[5][6][7]
Once Upon a Time in Hollywood estreouse no Festival Internacional de Cinema de Cannes de 2019 o 21 de maio de 2019, e estreouse nos cinemas dos Estados Unidos o 26 de xullo de 2019, e no Reino Unido o 14 de agosto. O filme recadou 374 millóns de dólares en todo o mundo e recibiu a aclamación da crítica polo guión, dirección, actuación, fotografía, deseño de vestiario, produción e banda sonora. Entre os diferentes premios, foi escollido polo American Film Institute e o National Board of Review como un dos mellores dez filmes do ano. Recibiu dez nomeamentos na 92ª edición dos Óscar, incluíndo mellor filme, e gañou os premios de mellor actor secundario (Pitt) e mellor deseño de produción. Tamén gañou o Globo de Ouro ó mellor filme de comedia ou musical.
O filme céntrase no panorama cambiante de Hollywood a finais dos anos 60, cando a industria empezaba a esquecerse dos piares clásicos. Unha estrela dun western televisivo chamada Rick Dalton (DiCaprio) intenta amoldarse a estes cambios ao mesmo tempo que o seu dobre Cliff Booth (Pitt). Porén, a vida de Dalton parece que está ligada a sus raíces de Hollywood: é veciño da actriz e modelo Sharon Tate (Robbie).