Luis Manuel Ferri Llopis, coñecido artisticamente como Nino Bravo, nado en Aielo de Malferit (Valencia) o 3 de agosto do 1944 e finado en Villarrubio (Cuenca) o 16 de abril de 1973, foi un cantante español.
Traxectoria
Nino Bravo naceu en Aielo de Malferit e aos poucos anos mudouse a Valencia. Aos 16 anos comezou a traballar na xoiería Casa Amat onde foi promocionado a mestre pulidor de diamantes. Durante estes anos compaxina o traballo coa súa afección ao canto e a finais de 1962 funda o grupo Los Hispánicos cos seus amigos Félix Sánchez e Salvador Aranda. O trío musical fíxose moi popular no barrio de Sagunt onde actuaron en diversos festexos e fallas valencianas.
Trala separación do grupo, Bravo crea outro chamado Los Supersón xunto a Salvador Pelejero, Vicente Lopéz e os irmáns Pepe e Vicente Juesas. Estes acompañaron ao cantante nas súas xiras ata o final da súa carreira artística. Con todo, ten que facer un parón para alistarse no servizo militar (entón obrigatorio) na Mariña de Cartagena. Ao regreso, fai a súa presentación como cantante solista no festival da canción de Vall d'Uixo no 1968.
Realizou as súas primeiras galas e un recital no Teatro Principal de Valencia que só lle deron perdas. Posteriormente, a casa discográfica Fonogram contratouno durante catro anos. O seu primeiro sinxelo gravouse con cancións de Manuel Alejandro: Como todos e Es el viento. No festival da canción de Barcelona foi eliminado co tema No debo pensar en ti.
Pero no verán do 1969, Augusto Algueró deulle Te quiero, te quiero, canción que por distintas razóns e pesar de tela gravada os cantantes Raphael, Lola Flores e a actriz Carmen Sevilla non saíron á venda. Nino conseguiu con ela un grande éxito sendo elixida canción do verán. Ao Te quiero, te quiero seguiron Noelia, Perdona, Mi gran amor, Esa será mi casa, Mi querida mamá, Voy buscando, Un beso y una flor e Libre entre outras máis.
Participou en dúas ocasións no Festival de Eurovisión. A primeira foi en 1970 co tema Esa será mi casa, co que non conseguiu chegar á final, gañada por Julio Iglesias coa canción Gwendolyne. A segunda foi co programa de Valerio Lazarov, Pasaporte a Dublín onde quedou en segunda posición. A cantante Karina foi elixida gañadora.
O 20 de abril de 1971 casou en segredo con María Amparo Martínez Gil. Logo viaxou a Buenos Aires onde actuou en Canal 9 xunto co cantante de tango Argentino Ledesma.
O 24 de xaneiro de 1972 naceu a súa primeira filla, Amparo. Pouco despois editou o seu terceiro álbum Un beso y una flor co que obtivo un grande éxito en España e Hispanoamérica.
En novembro de 1972 participa no Festival da Canción de Río de Xaneiro como representante español, onde logra empatar no primeiro lugar co estadounidense David Clayton-Thomas, pero perdeu tras unha votación na que o presidente do xurado, Joseph Lee Zhito, votou polo seu propio país. Semanas despois sae á venda o seu cuarto álbum, Mi tierra, no que inclúe un dos seus principais éxitos: Libre.
O 14 de marzo de 1973 realizou a súa última actuación en Valencia, nas fallas. Alí canta por primeira e última vez o "Himno de Valencia" xunto co público asistente.
Discografía
- Nino Bravo (1970; lanzado semanas despois como Te quiero, te quiero)
- Nino Bravo (1971; rebautizado en 1995 como Puerta de amor)
- Un beso y una flor
- Mi tierra (1972)
- ... Y Vol. 5 (1973; rebautizado en 1995 como América, América)
Véxase tamén
Bibliografía
- Guillermo J. Ortigueira (1973): Nino Bravo, historia de un hombre bueno, Editorial J. Domenech.
- Darío Ledesma, Francisco J. Fuentes, Isaac Guerrero, Isabel Juan (2003): Memoria viva de Nino Bravo, Ayuntamiento de Aielo de Malferit.
- Pere Delmonte i Hurtado, Ximo Moragues (2004): Llibret fallero 2004 - Homenaje a Nino Bravo, Falla El Charco de Catarroja.
- Guillermo J. Ortigueira (2007): Nino Bravo... Y la voz se hizo mito, Carena Editors.
- Boro Aranda (2007): De Manolito a Nino Bravo: Las historias jamás contadas, Ediciones Generales de la Construcción.
Ligazóns externas