O catalanismo ou nacionalismo catalán é o movemento que propugna o recoñecemento da personalidade política e cultural da Cataluña ou dos Países Cataláns.
No entanto, o catalanismo non se circunscribe ao ámbito político peninsular, pois nos últimos anos aumentou a súa presenza nas antigas comarcas catalás da Cerdanya Nord, Conflent, Vallespir e Rosselló (actualmente integradas no departamento Francés dos Pireneos Orientais), reivindicando precisamente un maior achegamento coas terras do sur.
Xeralmente, os partidos políticos, entidades ou individuos que se declaran catalanistas ou nacionalistas cataláns, adoitan considerar ben a Cataluña, ben os Países Cataláns, como unha nación. Ese grao de recoñecemento e de defensa dos seus intereses pode abranguer desde un tímido autonomismo á petición da plena independencia (véxase: independentismo).
A nacenza do catalanismo político acostuma datarse nas Bases de Manresa de 1898, momento que é considerado a entrada de Cataluña na Historia Contemporánea.
Na actualidade os partidos ou individuos que se declaran catalanistas consideran que Cataluña, ou os Países Cataláns, son unha nación e que, en consecuencia, teñen dereito a un grao elevado de autogoberno. Porén, as diverxencias aparecen sobre a organización xurídica e territorial que lle convén a Cataluña. Así, mentres unha parte opta pola chegada á soberanía do pobo catalán a través do dereito de autodeterminación, outros optan por unha ampliación do autogoberno no marco autonómico actual ou ben decántanse pola creación dun novo marco federal.
O catalanismo en democracia
O estatuto de Sau
Logo da aprobación da Constitución española de 1978 comezouse a elaborar un novo Estatuto de Autonomía que despois de ser aprobado polo Parlamento de Cataluña foi recortado nas negociacións co goberno español. Posteriormente durante 1979 foi aprobado en referendo, este Estatut definía Cataluña coma a "nacionalidade" e á Generalitat como a "institución na que se organiza politicamente o autogoberno de Cataluña". Ademais recoñecía o catalán como a lingua propia de Cataluña e como idioma oficial xunto co castelán.
O estatuto cedía á Generalitat máis competencias que o de 1932 en materia de ensino, cultura e medios de comunicación, pero menos en asuntos de orde pública e xustiza. Os aspectos de financiamento da autonomía deixáronse nunha situación ambigua, e isto foi un dos motivos da reforma estatutaria de 2006.
O proxecto de CiU tiña a súa base na chamada soberanía compartida[2] na que o estado español mantiña a soberanía e a recoñecía en Cataluña. A aplicación do Estatuto de 1979 dotou á Generalitat dunhas ferramentas de reconstrución nacional que lle foran negadas durante o franquismo. O proceso de normalización lingüística do catalán permitiu un importante avance no coñecemento e o uso social desta lingua entre a poboación de Cataluña. Xurdiron máis xornais e revistas redactados en catalán, se ben cunha difusión limitada. A presenza do catalán nos medios de radiodifusión reforzouse co inicio das emisións nas canles públicas, Catalunya Ràdio e Televisió de Catalunya, e dispúxose novamente dun corpo de policía, os Mossos d'Esquadra. O modelo de soberanía compartida vai durar durante o goberno de Felipe González e o primeiro mandato de José María Aznar.
Terra Lliure
Terra Lliure foi unha organización armada independentista catalá, fundada en 1978 e que se deu a coñecer oficialmente no Camp Nou de Barcelona o 23 de xuño de 1981, no marco da campaña "Som una Nació". A xustiza e as forzas de seguridade do estado español consideraban o grupo como unha "banda terrorista". A organización armada TLL (Terra Lliure) foi creada no ano 1979, malia non publicar o seu primeiro comunicado até o 24 de xuño de 1981, na nomeada Crida de Terra Lliure ("Chamamento de Terra Lliure"), un documento feito público durante o acto multitudinario que organiza a Crida a la Solidaritat no Camp Nou (Estadio do F.C. Barcelona), e que é distribuído de xeito masivo entre os asistentes. Aínda así, no mes de maio un comando actuara contra Federico Jiménez Losantos. Nesta declaración de principios xa se menciona a defensa da terra, da lingua, da soberanía nacional, dos dereitos dos traballadores e contra a españolización da sociedade catalá. Estas bases da organización armada acaban sendo subscritas cos berros Independencia o mort! Visca la lluita armada! Una sola nació, Països Catalans! ("Independencia ou morte! Viva a loita armada! Unha soa nación, Países Cataláns.")
Na proposta aprobada no Parlamento catalán definíase a Cataluña como unha nación pero logo dunha longa e crispada negociación entre os partidos presentes no Congreso dos Deputados os artigos van ser moi retocados[3] até chegar a unha nova proposta consensuada que malia perder o apoio de Esquerra Republicana de Catalunya, foi aceptada polas Cortes Xerais españolas. Esta proposta trasladaba a declaración de Cataluña como nación ó preámbulo. De feito os recortes practicados polo Goberno central motivaron a manifestación do 18 de febreiro de 2006, unha manifestación que reclamaba o dereito de Cataluña, so o lema " Som una nació i tenim el dret de decidir ".
Porén, para moitos sectores o novo Estatut seguía a ser un avance no autogoberno [4] e o pobo catalán ratificou este novo estatuto no referendo celebrado o 18 de xuño de 2006.
O desencanto entre algúns sectores catalanistas co novo Estatuto de Autonomía fixo que aparecesen novas plataformas que defenden o dereito á autodeterminación, como a recentemente creada Sobirania i Progrés, sobre a idea de que o benestar da sociedade catalá depende de acadaren a soberanía política plena.
Nota: As formas de nacionalismo baseado principalmente no grupo étnico están recollidos enriba. Isto non implica que tódolos nacionalistas do grupo étnico subscriban esa forma de nacionalismo étnico.