O Gaiás ten unha altura de 362 metros,[1] o que o sitúa como terceiro cumio máis alto de Santiago de Compostela, por tras do Viso (397 m)[2] e do Pedroso (456~461 m).
Parques
No monte Gaias hai tres espazos verdes:
O Bosque de Galicia, un espazo de 24 ha con 7.000 árbores de especies autóctonas (carballos, castiñeiros, salgueiros, bidueiros, ameneiros, espiños, loureiros etc.) e unha rede de sendas peonís de 3 km. Conta con zonas de descanso e un miradoiro orientado ao solpor de Compostela. O proxecto partiu da idea orixinal de Eisenman Architects[3][4] Na segunda fase, o Bosque contará cunha superficie total de 34 ha e preto de 12.000 árbores novas.
O Xardín Literario, un espazo verde dedicado aos escritores e poetasgalegos. Ocupa algo máis dunha hectárea, con árbores de 14 especies diferentes que evocan na súa disposición as follas dun libro, un sendeiro chamado "o Camiño dos Libros", e unha instalación artística xerada a través de placas con citas literarias de autores galegos, rodeado de camelias. Tapices vexetais con plantas trepadoras, taludes axardinados, un estanque, un miradoiro e un pequeno auditorio ao aire libre configuran o lugar. Foi deseñado pola arquitecta Isabel Aguirre, directora da Escola Galega da Paisaxe da Fundación Juana de Vega.
Parque do Lago duns 51.163 m2, un proxecto de rexeneración paisaxística que conta cun lago de 4.783 metros cadrados, rodeado de vexetación preexistente, e unha plataforma de madeira con bancos, e un sistema de iluminación con cintas led de baixo consumo. O parque conta tamén cunha carballeira convertida en espazo de lecer con mesas, bancos e elementos deportivos con camiños para corredores[5].