Michael John Myers, nado o 25 de maio de 1963, é un actor, guionista, produtor de cine e comediante canadense. Actuou en Saturday Night Live (1988-1995), Wayne's World, nas tres películas de Austin Powers e prestou a súa voz na serie de películas de Shrek. A súa última entrega humorística é "The Love Guru", na que interpreta o papel de Gurú Pitka. En 2002, Myers participou no vídeo musical de Britney Spears, "Boys".
Biografía
Naceu o 25 de maio de 1963 en Scarborough, Ontario, Canadá. Mide 1,73 m. Mike Myers é o fillo máis novo do vendedor de enciclopedias e antigo cociñeiro do exército británico Eric Myers, e de Alice “Bunny” Myers, procesadora de datos e ex-actriz. Ambos cidadáns ingleses (o propio actor ten pasaporte británico) que emigraron ao Canadá desde a cidade portuaria de Liverpool.
O primeiro contacto de Myers co mundo audiovisual foron as súas aparicións infantís en varios anuncios publicitarios. Na súa etapa no instituto Stephen Leacock, Mike tomou leccións de danza e comezou a crear personaxes cómicos. Nos inicios dos anos 80 actuou co grupo de comediantes Second City Comedy de Toronto, e máis tarde formou parella profesional con Neil Mullarkey, con quen Myers virou por Inglaterra representando múltiples actuacións humorísticas. Retornado ao Canadá, Myers foi descuberto por Martin Short cando estaba actuando co Second City Comedy. Short propúxolle que se incorporase ao programa de televisión “Saturday Night Live”, todo un escaparate popular para o talento cómico dos seus protagonistas. En 1989, Mike, que actuaba e escribía "sketches", recibiría un premio Emmy polos seus guións.
A súa primeira aparición cinematográfica produciuse ese mesmo ano ao aparecer en “Elvis Stories” (1989), unha curta parodia sobre a desaparición de Elvis Presley, rodado por Ben Stiller.
O 5 de maio de 2022 estreou a serie The Pentaverate en Netflix, na que interpreta dez personaxes.[1]