Michael Palin e Terry Jones coñecéronse na Universidade de Oxford, onde ambos actuaban no grupo de teatro estudantil The Oxford Revue. John Cleese e Graham Chapman coñecéronse na Universidade de Cambridge. Eric Idle tamén estaba en Cambridge mais comezou un ano despois. Cleese coñeceu a Terry Gilliam en Nova York mentres estaban de xira co seu grupo de teatro estudantil, Cambridge University Footlights. Chapman, Cleese e Idle eran membros de Footlights, que nese tempo incluía tamén a Tim Brooke-Taylor, Bill Oddie e Graeme Garden (que máis tarde formaron o grupo The Goodies), e o actor e director Jonathan Lynn, coguionista da serie Yes Minister e da súa secuela Yes, Prime Minister. Mentres Idle era o presidente dos Footlights tamén foron membro a escritora feminista Germaine Greer e o xornalista Clive James. Consérvanse aínda gravacións dalgunhas actuacións deste grupo de teatro no Pembroke College de Cambridge.
O éxito de Do Not Adjust Your Set fixo que a ITV ofrecese a Palin, Jones, Idle e Gilliam o seu propio programa xuntos. Ao mesmo tempo a Cleese e Chapman a BBC, impresionada polo seu traballo en The Frost Report e en At Last The 1948 Show ofreceulles un programa propio. Cleese era reticente a un dúo cómico por varias razóns, incluíndo a suposta personalidade difícil de Chapman. Cleese tiña boas lembranzas do seu traballo con Palin e convidouno a unirse ao equipo. Coa serie da ITV aínda en preprodución, Palin aceptou e suxeriu que se unisen ao grupo Idle e Jones, que propuxeron que Gilliam se encargase de achegar animacións á serie. O grupo Monty Python foi en boa parte resultado da arela de Cleese de traballar con Palin e das circunstancias que engadiron os outros catro membros ao grupo.[3]
Lograron a fama grazas ao seu programa de televisión Monty Python's Flying Circus, estreado o 5 de outubro de 1969 na BBC e formada por 45 episodios repartidos en catro temporadas. O fenómeno Python desenvolveuse alén do programa de televisión adquirindo un grande impacto: obras de teatros, filmes, discos, libros, un musical e mesmo linguaxes de programación.[4] A influencia do grupo na comedia comparouse coa dos Beatles na música[5][6]
Emitido entre 1969 e 1974, Flying Circus foi creado, escrito e interpretado polos seis membros do grupo. Estaba estruturado como un programa de sketches, mais cunha técnica narrativa innovadora (axudada polas animacións de Gilliam) que ía máis aló do "aceptable" en estilo e contido.[7][8] Ao seren os responsables tanto dos guións e da interpretación, os Python tiña un control creativo que lles permitía experimentar formas e contidos, desfacéndose das regras da comedia televisiva. A influencia do grupo na comedia británica foi notoria durante anos, e en Norteamérica influíron desde os intérpretes das primeiras edicións de Saturday Night Live ata tendencias posteriores no humor absurdo na comedia televisiva. A palabra "Pythonesque" entrou no vocabulario inglés como sinónimo de "absurdo" ou "surrealista".
Nunha enquisa realizada en 2005 no Reino Unido para descubrir o Cómico de cómicos, tres dos seis membros de Monty Python foron votados por outros cómicos e afeccionados como tres dos 50 maiores cómicos da historia: Cleese no posto 2, Idle no 21, e Palin no 30.[9]
↑The Pythons Autobiography By The Pythons—Graham Chapman, John Cleese, Terry Gilliam, Eric Idle, Terry Jones, Michael Palin, John Chapman, David Sherlock, Bob McCabe—Thomas Dunne Books; Orion, 2003
↑Leopold, Todd (11 de decembro de 2003). "How Monty Python changed the world"(en inglés). CNN. Consultado o 30 de marzo de 2007. Python has been called "the Beatles of comedy"
↑Lewisohn, Mark. "Monty Python's Flying Circus". The bbc.uk.co Guide to Comedy(en inglés). BBC. Consultado o 31 de marzo de 2007. In essence, the Monty Python team are the comedy equivalent of the Beatles.