Miguel Ángel Zabalza Beraza,[1] nado en Pamplona en maio de 1949, é un pedagogo e psicólogo navarro. Na actualidade Catedrático de Didáctica e Organización Escolar na Universidade de Santiago de Compostela.
Licenciouse en Pedagoxía en 1973, diplomouse en Criminoloxía en 1978 e doutorouse en Psicoloxía en 1979, nos tres casos pola Universidade Complutense de Madrid. Foi profesor nesa mesma institución, na Universidade de Comillas, na UNED e na USC, onde foi decano da Facultade de Ciencias da Educación. Actualmente é responsable da investigación Elicitación e representación do coñecemento de profesores universitarios protagonistas de "boas prácticas docentes": Enxeñería do coñecemento para a mellora da calidade da docencia, levada a cabo por un equipo de docentes desa facultade.
Foi director do Instituto de Ciencias da Educación, director de Departamento, membro do Claustro e da Xunta de Goberno da Universidade. É membro da Comisión de Calidade e coordinador da formación do profesorado universitario da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia.
É presidente da Asociación Iberoamericana de Didáctica Universitaria e forma parte do comité executivo da Rede de Docencia Universitaria (RED-U) e do consello editorial da súa revista. Foi membro do comité executivo da European Early Childhood Educational Research Association (EECERA), do consello editorial do European Early Childhood Educational Reserach Journal (EECERJ), e do consello de redacción da revista Bordón.