Joseph Thomas Cunningham (1859–1935) foi un biólogo mariño e zoólogo británico coñecido polos seus experimentos sobre peixes planos e os seus escritos sobe o neolamarckismo.[1]
Cunningham traballou no London Hospital Medical College. Completou os seus estudos de ciencias no Balliol College, Oxford.[2] Cunningham foi un neolamarckista. No seu libro Hormones and Heredity (1921) propuxo que o mecanismo para a herdanza dos caracteres adquiridos eran as hormonas. Denominou a isto "lamarckismo químico".[3]
Segundo o historiador da ciencia Peter J. Bowler, a idea sostida por Cunningham de que as hormonas se transferían dunha xeración á seguinte independentemente do plasma xerminal era considerada daquela polos neolamarckistas como unha hpótese plausible; porén, "os seus partidarios eran incapaces de ir alén do estadio de proporcionar probas indirectas do efecto que postulaban."[4]
Nunha serie de experimentos (en 1891, 1893 e 1895) sobre a acción da luz sobre a coloración dos peixes planos, Cunningham dirixiu luz ás partes ventrais de peixes planos por medio dun acuario con fondo de cristal situado sobre un espello. Descubriu que a luz causa a produción de pigmentos nas partes inferiores destes peixes, e deulle unha interpretación lamarckista a estes resultados.[5][6][7] Outros científicos interpretaron os seus resultados de xeito diferente.[8] George Romanes escribiu aprobando a interpretación de Cunningham, pero o xenetista William Bateson non estaba convencido de que a causa do incremento na pigmentación se debese á iluminación.[9] Thomas Hunt Morgan criticou os experimentos e non cría que os resultados fosen unha proba do lamarckismo.[10]
Cunningham poñía en dúbida o concepto de selección sexual.[11] O seu libro Sexual Dimorphism in the Animal Kingdom (1900) intentaba explicar as características sexuais secundarias por medio de principio lamarckistas.[12] O químico Raphael Meldola sinalou nunha revisión para a revista Nature que "aínda que moitos de nós podemos chegar á conclusión que o Sr. Cunningham non conseguiu establecer o seu caso, xeralmente admitirase que discutiu o problema, no seu conxunto, cun espírito máis ou meno científico."[13]
Traduciu o libro de Theodor Eimer's Die Enstehung der Arten (1888) ao inglés.