José María Luengo Martínez, nado en Astorga o 17 de maio de 1896 e finado na Coruña o 9 de marzo de 1991,[1] foi un escritor e arqueólogo leonés.
Foi bautizado na parroquia de San Bertomeu da súa vila natal, fillo de Crescencio Luengo e María Dolores Martínez. O seu paie era facultativo de telégrafos, e en 1912 foi destinado a Madrid ao negociado de contabilidade da Dirección Xeral de Correos e Telégrafos, marchando alá tamén José María.
En 1918 ingresou por oposición no Corpo Administrativo do Catastro Urbano, exercendo como funcionario do Estado case durante medio século, 16 anos en León e o resto na Coruña, chegando a ocupar o cargo de Xefe Superior de Administración Civil. En paralelo á profesión administrativa desempeñou diferentes cargos dependentes do Ministerio de Educación e outras institucións. En 1929 foi nomeado secretario da Comisión de Monumentos Históricos Artísticos da provincia de León. En 1939, xa na Coruña, foi nomeado Comisario de Escavacións da provincia, pasando a ser Delegado en 1956 até a extinción do cargo. Tamén en 1939 foi designado vicepresidente da Comisión de Monumentos, pasando a ser presidente en 1950, cargo que ocupou até a súa morte.
Na Coruña creou o Museo Arqueolóxico e Histórico Castelo de Santo Antón, logo de acadar a cesión do Castelo de Santo Antón e o seu acondicionamento. Foi o seu primeiro director entre 1965 e 1972, pasando nese ano a ser director honorario.
En 1929 iniciouse na arqueoloxía coa escavación do castro e o castelo de Valderas. En 1942 iniciou unha intensa labor de escavación en diferentes castros da provincia da Coruña, como os de Elviña, Meirás, Centroña, Carnota ou Baroña, redactando as súas respectivas memorias e publicacións.
Malia estar lonxe de Astorga mantivo o contacto coa vila. En 1946 realizou os primeiros estudos das cloacas romanas, e en 1954 iniciou as escavacións arqueolóxicas efectuadas na cidade. Rescatou as pinturas pompeianas atopadas e promoveu a declaración da Ergástula e o mosteiro de Santa María de Carracedo como monumento nacional, da vila de Vilafranca do Bierzo como Conxunto Histórico-Artístico, e de Montes de Valdueza e Peñalba de Santiago como paisaxes pintoresco histórico-artístico.
En 1925 recibiu a medalla de homenaxe dos Reis, en 1929 foi designado Correspondente da Real Academia da Historia, en 1935 Correspondiente da Real Academia Galega, e en 1949 Correspondente da Asociación de Arqueólogos Portugueses. En 1942 concedéuseññe a máxima distinción no eido cultural, a medalla de Afonso X o Sabio. Xa en 1987 foi designado Personaxe Astorgano do Ano, e en 1988 concedéuselle o premio xornalístico Ciudad de Astorga, amais de ser nomeado Fillo Predilecto da cidade. Ten adicada unha estancia no Museo romano de Astorga.