Johann Julius Walbaum nado en Wolfenbüttel (Baixa Saxonia, Alemaña) o 30 de xuño de 1724 e finado o 21 de agosto de 1799 en Lübeck, foi un médico, naturalista e taxónomo alemán.
Traxectoria
En Lübeck instituíu un gran gabinete de curiosidades e deuse a coñecer polas súas publicacións sobre os peixes e as tartarugas.
Foi o primeiro en describir moitas especies previamente descoñecidas de lugares remotos do planeta, tales como a barracuda (Sphyraena barracuda), salmón "Chum" (Oncorhynchus keta) do río Kamchatka en Siberia, e o curimatá-pacú (Prochilodus marggravii) do río São Francisco no Brasil.
Ademais foi o primeiro en observar a acción preventiva da utilización de luvas contra as infeccións durante a cirurxía médica (aquelas luvas estaban feitas co cego de ovellas en vez de caucho, material que aínda non fora descuberto).
O Museo de Historia Natural de Lübeck (Museum für Natur und Umwelt Lübeck), aberto en 1893, foi dotado inicialmente coa extensa colección científica de Walbaum.
Contribución á ictioloxía
En ictioloxía, a súa principal contribución foi a reedición do libro de Peter Artedi (1705-1735), que presenta todas as especies de peixes coñecidas na época, aumentadas por unha bibliografía posta ao día por Walbaum.[1] Describiu 200 novas especies, 43 das cales seguen a ser válidas até hoxe, segundo os criterios de Carl von Linné (entre elas, Sardina pilchardus a popular sardiña). Renomeou moitas especies creadas por Johann David Schöpf (1752-1800), Georg Wilhelm Steller (1709-1746), Thomás Pennant (1726-1798) e Stephan Petrovich Krascheninnikov (1713-1755).
Esta edición foi severamente criticada por Georges Cuvier (1769-1832) [2]. Pero a obra foi reavaliada posteriormente por Theodore Nicholas Gill (1837-1914) [3] que recoñeceu o seu interese especialmente polas descricións de diversos xéneros descritos por outros autores.
Lista parcial de publicacións
- Disputatio ... de venæ sectione, 1749
- Index pharmacopolii completi cum calendario pharmaceutico, Gleditsch, Leipzig 1767-69
- Beschreibung von vier bunten Taubentauchern und der Eidergans, Lübeck 1778
- Chelonographia oder Beschreibung einiger Schildkröten nach natürlichen Urbildern, Gleditsch, Leipzig und Lübeck, 1782
Notas
- ↑ Walbaum, J. J. (ed.) (1792): Petri Artedi sueci genera piscium in quibus systema totum ichthyologiae proponitur cum classibus, ordinibus, generum characteribus, specierum differentiis, observationibus plurimis: redactis speciebus 242 ad genera 52: Ichthyologiae pars 3. Ant. Ferdin. Röse: Grypeswaldiae.
- ↑ No seu Tableau historique des progrès de l'ichthyologie, depuis son origine jusqu'à nos jours (1828).
- ↑ No seu Arrangement of the families of fishes, or classes Pisces, Marsipobranchii, and Leptocardii (1872).
Véxase tamén
Bibliografía
- Nicolaus Heinrich Brehmer: Dem Andenken eines geschätzten Arztes D. Johann Julius Walbaum gewidmet. Lübeck 1799
- H. P. Müller: "Der Ichthyologe und Schildkrötenforscher Johann Julius Walbaum". En: Die Heimat 50: 195-197, Neumünster 1973
- Paolo Parenti (2003): "On the Status of Species Classified in the Genus Perca by Johann Julius Walbaum (1792)", Zoological Studies, 42 (4): 491-505.