Johann Friedrich Reichardt, nado o 25 de novembro de 1752 en Könisberg, Reino de Prusia (hoxe Kaliningrado, Rusia), e finado o 27 de xuño de 1814 en Giebichenstein (preto de Halle), Electorado de Saxonia, foi un músico, compositor e crítico musical alemán.
Traxectoria
Reichardt era fillo do músico Johann Reichardt e, desde a súa infancia, foi iniciado na música, especialmente na interpretación do violín, pero tamén dalgúns teclados (espineta, clavicordio e fortepiano) e do laúde. Recibiu ademais ensinanzas de seu pai de composición (para piano forte) e de Veichtner (para violín).
Á idade de dez anos, en compañía de seu pai, emprendeu unha xira de concertos de "neno prodixio" por toda a Prusia Oriental.
Porén, decontado abandonou os seus mestres, que consideraba demasiado insuficientes e continuou a súa formación como autodidacta. Coñeceu a Immanuel Kant, e animado por este, inscribiuse para facer cursos de filosofía e dereito, primeiro na universidade da súa cidade natal e posteriormente na de Leipzig, de 1769 a 1771.[1]
Nos tres anos seguintes realizou varias viaxes por Alemaña e, en 1774, foi nomeado mestre de capela (Kapellmeister) do rei de Prusia Frederico o Grande (hoxe, Staatsoper Unter den Linden) cargo no que continuou até 1794.
En 1796 casou coa cantante, pianista e compositora de lieder Juliane Benda, filla de Franz Benda.
Despois dunha estancia en Italia, en 1783, foi a Viena, onde fundou os Concertos Epirituais, para poder propoñer e executar o seu novo traballo musical. Dous anos máis tarde viaxou a Londres e París, onde obtivo un grande éxito como director de orquestra e como compositor dunha Paixón.
Desde 1786 estableceu unha estreita relación con Goethe, Herderd, Schiller e Hamann. Foi o editor do periódico Deutschland, onde Friedrich Schlegel publicou as súas recensións.
Despois dun largo retiro en Giebichenstein, dedicado á composición, a principios do século XIX, aceptou a invitación de Xerónimo Bonaparte, rei de Westfalia e asumiu o cargo de mestre de capela na súa capital, Kassel.
Obras
Entre as principais composicións de Reichardt inclúense moitas óperas francesas, alemás e italianas e, especialmente, os numerosísimos lieder, que ascenden a cerca de 1 500, para os que utilizou os textos de 125 poetas, entre eles Goethe e J. G. Herder, do que musicou até 49 poemas.
Notas
- ↑ A. Della Corte e G. M. Gatti (19556): Dizionario di musica. Paravia, p. 513.
Véxase tamén
Bibliografía
- VV. AA. (19863): Die Musik in Geschichte und Gegenwart. Allgemeine Enzyklopädie der Musik. Kassel: Bärenreiter-Verlag. ISBN 978-3-7618-1108-5.
- Günter Hartung (1964): Johann Friedrich Reichardt (1752-1814) als Schriftsteller und Publizist. Halle: Univ., Diss.
- Dietrich Fischer-Dieskau (1992): Weil nicht alle Blütenträume reiften. Johann Friedrich Reichardt - Hofkapellmeister dreier Preußenkönige. Stuttgart: DVA. ISBN 978-3-4210-6531-5.
- Johann Friedrich Reichardt (2003): Un hiver à Paris sous le Consulat. Présenté et annoté par Thierry Lentz. Bibliothèque napoléonienne. París: Tallandier. ISBN 978-2-84734-064-8.
Ligazóns externas