Jesús María de Leizaola Sánchez, nado en Donostia o 7 de setembro de 1896 e finado o 16 de marzo de 1989, foi un político vasco, lehendakari do Goberno Vasco no exilio entre 1960 e 1979.
Traxectoria
Iniciou a súa andaina política como deputado do PNV no Congreso dos Deputados durante a Segunda República. Trala guerra civil foi membro do goberno do lehendakari José Antonio Aguirre como Conselleiro de Xustiza e Cultura. Foi nomeado Lehendakari en 1960, logo do pasamento de Aguirre.
O Lehendakari Leizaola desenvolveu o seu labor no exilio, fixando a súa residencia en París, dende onde se dedicou a denunciar a ditadura. En 1979, logo de 43 anos de exilio, volveu ao País Vasco, que nese momento iniciaba a recuperación da democracia e o autogoberno. Compaxinou o seu labor político con inquietudes literarias e intelectuais. Foi autor de literatura vasca e de estudos de poesía.