O castelo de Castrizán foi un castelo galego situado no concello pontevedrés de Redondela, na parroquia do Viso. Ficaba situado no cumio do monte da Peneda.
O antigo castelo localizábase no alto do monte da Peneda, un pequeno pico montañoso de 329 metros e que fica sobreelevado fronte a chaira que o arrodea. Esta característica xeográfica fai que este monte poida dominar toda a bisbarra, tendo unha excelente visión da Ría de Vigo, as illas Cíes, a enseada de San Simón, e os territorios circundantes ao castelo de Soutomaior.[1]
O monte da Peneda pertence na súa cara sur á parroquia do Viso, pertencente a Redondela, mentres que a cara sur pertence ao concello de Soutomaior.
A construción do castelo foi levada a cabo entre os meses de agosto e setembro de 1477.[2] A fortaleza foi mandada construír polo arcebispo compostelán Alonso II de Fonseca, cos obxectivos de exercer o control da bisbarra e especialmente como medida de control e presión a Pedro Álvarez de Soutomaior, Conde de Camiña e propietario do Castelo de Soutomaior, sito a escasos quilómetros.
Pedro Álvarez de Soutomaior, tamén coñecido coma Pedro Madruga, era afín á nobreza portuguesa e á súa infanta Xoana de Castela, mentres que o arcebispo Alonso de Fonseca era afín á Coroa de Castela.
Varios meses despois, entre 1478 e 1479, a fortificación foi derruída polo propio Conde de Camiña, Pedro Madruga, após a súa estadía dunha prisión castelá. A batalla, que tivo lugar durante a noite, enfrontou ao Conde de Camiña e aos seus 400 soldados contra Don Álvaro de Varcea, un aliado do arcebispo compostelán. Como resultado do asedio, o castelo foi derruído.
Tralo derrubamento do castelo, a pedra e os demais cascallos foron empregados para construcións particulares na parroquia do Viso, e probablemente a capela da Virxe das Neves, que a día de hoxe mantense en pé no cumio do monte da Peneda, foi construída coa pedra reempregada do castelo.
Probabelmente construído coa pedra do propio monte no que se emprazaba, o castelo estaba arrodeado por unha muralla que protexía o interior da fortificación. No seu interior, foron identificados varios elementos do castelo, coma varias ameas, unha barbacá, e unha torre da homenaxe, a cal non estaba integrada na propia muralla, senón que se atopaba no interior do recinto. Isto debeuse a que non existía ningunha área da contorna da muralla que estivese totalmente protexida e libre de ataques, polo que a torre de homenaxe precisaba ter control sobre todo o perímetro da fortificación.
Na actualidade o castelo atópase en estado ruinoso, e unicamente se poden ver algúns restos do que foi a construción orixinal, como restos da base da torre de homenaxe.[3]