É a máis meridional das Rías Baixas, e presenta unha forma de cuña orientada en dirección nordeste suroeste. A súa superficie total é de 176 km2, cunhas dimensións de 33 km de lonxitude e anchura variábel de 10 km na boca, entre cabo Home e a península de Monteferro, e 600 m no estreito de Rande, volvéndose ensanchar no fondo da ría, na enseada de San Simón. O volume total de auga, 3.117 Hm3, convértena na segunda ría, despois da de Arousa, en volume de auga.
A ría de Vigo é unha das rías con máis produción mariña e de maior calidade no mundo. Isto é porque os ventos nórdicos arrastran no verán as augas superficiais quentes permitindo o afloramento das frías, ricas en nutrientes. Debido á súa temperatura, esas augas non forman nubes, o que provoca a falta de chuvia no verán.
Malia a contaminación da ría, destacan os avistamentos de mamíferos mariños entre os cales os arroaces e as toniñas son os máis abondosos.[5]
Ríos
No norte da ría desembocan os ríos da Fraga e o do Pontillón. No sur fano o Alvedosa, o Oitavén e o Verdugo, o Miñor, o de Baredo, o da Groba e o Lagares. A principal afluencia de auga procede do Oitavén-Verdugo, xa que teñen un caudal medio de 16 m3 por segundo; o do Alvedosa, que ten 2 m3 por segundo de caudal; e o Lagares, que ten uns 2,5 m3 por segundo. Porén, o río Lagares, non exerce, debido á súa situación, unha grande influencia no esquema xeral de circulación da ría.