O anuncio dos filmes elixibles aprazouse pola presenza de catro filmes que podían non cumprir as regras:
Hong Kong propuxo un filme de acción (The Touch) rodado completamente en inglés e Afganistán enviou por primeira vez un filme (Fire Dancer) que trata sobre afgáns-estadounidenses rodado principalmente en inglés e parcialmente en dari. Cando se estreou en Afganistán dobrouse ao dari e esta versión foi a que se enviou á Academia. O filme de Hong Kong foi descualificado, mais o afgán (cuxo director fora asasinado antes de acabar a posprodución) foi aceptado.
O Reino Unido seleccionou The Warrior, produción británica ambientada na India falada en hindi e dirixida por Asif Kapadia, director británico de ascendencia india. O filme, gañador do premio da BAFTA ao mellor filme británico, foi descualificado porque segundo a Academia o hindi non é unha lingua indíxena do Reino Unido e o filme non trata sobre británicos nin ambientado no país.[4] Finalmente foi substituído por Eldra, filme en galés. En 2006, a Academia modificou as regras para permitir a presenza de filmes en linguas non indíxenas.
Palestina tratou de propor Divine Intervention, mais a Academia considerou que Palestina non era considerado un país nin tiña un comité nacional de selección.[5] A decisión foi criticada porque países non recoñecidos ou non soberanos como Taiwán, Hong Kong e Porto Rico si podían presentar filmes. A Academia modificou a decisión o ano seguinte e Divine Intervention puido participar.