Filipe Guillerme de Orange-Nassau (en neerlandés: Filips Willem van Oranje-Nassau), nado na vila neerlandesa de Buren, na provincia de Güeldres, o 19 de decembro de 1554 e finado en Bruxelas o 20 de febreiro de 1618, foi un membro da Casa de Orange-Nassau, que se converteu en príncipe de Orange en 1584 e cabaleiro da Orde do Vélaro de Ouro en 1599.
Filipe Guillerme era fillo de Guillerme I de Orange-Nassau, O Taciturno, e de Ana de Egmond (a súa primeira esposa).[1][2]
Cando o seu pai ignorou a citación do duque de Alba, Fernando Álvarez de Toledo y Pimentel, para regresar a Bruxelas e permaneceu en Alemaña, Filipe Guillerme, daquela un rapaz de 13 anos, estaba a estudar na Universidade Católica de Lovaina de Brabante. Foi detido en febreiro de 1568 e levado a España como refén e, sobre todo, para ser criado como un bo católico e un súbdito leal.[3] A súa nai morrera dez anos antes, en 1558, e el nunca volveu ter contacto co seu pai desde ese momento.
En España, onde permaneceu ata 1596, continuou os seus estudos na Universidade de Alcalá de Henares.
Cando regresou aos Países Baixos, amosou a súa adhesión á causa das Provincias Unidas, que defendeu vigorosamente coa súa irmá, María de Nassau, en contra do seu medio irmán Mauricio de Nassau, con quen disputou o dereito á baronía é á cidade de Breda.
En 1606, recoñecéronselle a Filipe Guillerme os títulos de señor de Breda e de Steenbergen, así como o seu dereito a nomear maxistrados, coa condición de que el mantivese a "unión e a relixión da República". A partir destes nomeamentos, fixo a súa entrada cerimonial na cidade de Breda en xullo de 1610 e desde entón ata a súa morte nomeou regularmente os maxistrados no seu señorío.
Malia instaurar servizos relixiosos católicos no castelo de Breda, non intentou desafiar o predominio do protestantismo calvinista na cidade. Tivo unhas diferenzas cos Estados Xerais en 1613, cando se anulou o nomeamento dunha doutrina católica. El tiña que cooperar co gobernador militar en Breda, o seu medio irmán ilexítimo Xustino de Nassau, incondicionalmente leal aos Estados Xerais.
En 1596, en Fontainebleau, Filipe Guillerme casou con Leonor de Borbón, filla de Henrique I de Borbón-Condé e curmá do rei Henrique IV de Francia, pero morreu en 1618 sen fillos, motivo polo que Mauricio de Nassau puido herdar o título Príncipe de Orange. Como Señor de Diest, Filipe Guillerme deixou ordenado que no momento da súa morte a igrexa parroquial de San Sulpicio desa cidade celebrase unha vez ao ano unha misa fúnebre pola súa alma. En Diest, coñecida como a "cidade Orange", foi sepultado Filipe Guillerme, que pasou a ser coñecido como "o príncipe católico de Orange" porque o seu pai, en 1573, á cabeza da rebelión holandesa, se convertera ao calvinismo protestante.[4]