A sección de rugby do Futbol Club Barcelona foi creada en 1924. Non dispón dun terreo de xogo propio dende a construción do Palau Blaugrana, ao principio da década dos '70. O equipo sénior A, grazas a un acordo de cesión de dereitos coa USAP Barcelona, competiu a tempada 2007-08 na División de Honra Española, quedando relegado, tralo descenso de categoría, en virtude a este acordo á Primeira Nacional (terceira categoría do rugby en España trala División de Honra A e a División de Honra B), onde competía ata a tempada 2007-08 o equipo sénior B, baixando este equipo á Segunda Catalá e desapareceu o equipo sénior C. Durante a tempada 2008-09, os equipos sénior A e sénior B acadaron o ascenso de categoría á División de Honra B e Primeira Catalá, respectivamente. Na tempada 2013-14 o primeiro equipo acadou o ascenso á División de Honra.
O FC Barcelona é un dos clubs máis laureados do rugby español grazas aos títulos conquistados entre os anos '40 e '60.
A sección de rugby do Futbol Club Barcelona constituíuse oficialmente o 21 de setembro de 1924, obra dos directivos Massana e Cusell, a pesar de que xa a principios do século, con Baltasar Albèniz de promotor, algúns socios do club disputaran partidos co nome do club.
Antes da guerra civil española, o club acadara tres campionatos de España e sete de Cataluña. Durante os anos '40 e '50 continuou sendo o principal club de España, conquistando 10 campionatos de España e as dúas primeiras ligas españolas, en 1953 e 1954.
Nos anos '80 o club diminuíu o apoio á sección de rugby, que se viu relegada a un segundo nivel no panorama do rugby, tanto catalán como español.
Na tempada 2010-11 o FC Barcelona competiu no Grupo 1 da División de Honra B, acadando a 3ª posición na clasificación final, a só 2 puntos do Vigo Rugby Club que posteriormente acadou o ascenso a División de Honra.
A División de Honra B existe dende a tempada 1998-99. Anteriormente a Primeira Nacional (creada en 1972) era a 2ª División do rugby español. Entre 1955 e 1969 non se disputou a Liga.