A Eurocopa da UEFA de 2012 (en polaco: Mistrzostwa Europy w Piłce Nożnej 2012, en ucraíno: Чемпіонат Європи з футболу 2012) foi a décimo cuarta edición do campionato europeo de seleccións de fútbol absolutas organizado pola UEFA. A fase final do torneo foi celebrada de forma conxunta por Polonia e Ucraína dende o 8 de xuño ao 1 de xullo de 2012. Na fase final participaron dezaseis equipos, senda esta a último ocasión na que sucedeu, xa que na seguinte edición en 2016 os finalistas son vinte e catro.
A decisión de outorgar a sede aos dous países eslavos foi anunciada polo presidente da UEFA, Michel Platini, o 18 de abril de 2007, superando as outras candidaturas finalistas: a conxunta entre Croacia e Hungría e a de Italia, dun total de oito candidaturas orixinais. Foi a primeira Eurocopa organizada en Europa do Leste dende a edición de 1976 na antiga Iugoslavia, e tamén a primeira da historia que foi albergada por dous países con diferentes fusos horarios. O campionato foi gañado pola selección de fútbol de España, que bateu na final a Italia por catro goles a cero, a maior goleada nunha final desta competición, conseguindo así o seu terceiro título continental.
Polonia e Ucraína postularon ser sedes antes do 1 de febreiro de 2005 xunto a outras sete candidaturas: Azerbaidján, Croacia xunto a Hungría, Grecia, Italia, Romanía, Rusia e Turquía. Francia, que avaliara unha candidatura, finalmente non a presentou para evitar problemas coa candidatura de París aos Xogos Olímpicos de 2012. O 22 de xullo dese ano, a UEFA descartou as candidaturas azerí, romanesa e rusa. As candidatas restantes presentaron os seus detalles a través de diversos informes á UEFA, a cal en base a elas tomou a decisión de reducir o proceso a só tres candidaturas. O 8 de novembro de 2005, Grecia e Turquía foron excluídas.
A candidatura de Polonia e Ucraína enfrontaba diversos problemas, xa que ningún dos dous países organizara antes un evento importante de fútbol nin ningún tampouco algún evento deportivo internacional como países aliados. Con todo, o 85,4% dos ucraínos e o 66,8% dos polacos apoiaban a candidatura das súas nacións ao momento da elección.
A falta de infraestrutura[1] necesaria para o desenvolvemento do torneo foi un dos principais problemas que enfrontou a candidatura. Exemplo diso foi que os delegados da UEFA manifestaron publicamente a súa preocupación polo mal estado da estrada entre Gdansk e Lviv, e que catro dos estadios principais aínda se mantiñan como proxectos a comezos de 2007. A isto sumouse unha grave crise no fútbol polaco trala detención de sesenta árbitros por corrupción e a cancelación dun torneo por parte do Ministro de Deportes. A intervención da política en temas deportivos foi fortemente sancionada por parte da FIFA e a Asociación Polaca de Fútbol arriscouse mesmo á suspensión dos seus encontros internacionais.
A pesar diso, Polonia-Ucraína foi elixida o 18 de abril de 2007[2] pola UEFA na reunión realizada na cidade galesa de Cardiff, converténdose na terceira ocasión en que o torneo é organizado por dous países -trala Eurocopa 2000 realizada en Bélxica e os Países Baixos e a Eurocopa 2008 organizada por Austria e Suíza- e a primeira de cada un dos devanditos países. Descartábase así ás outras dúas candidaturas finalistas, tras unha votación resolta por maioría absoluta. Os gañadores obtiveron oito votos, Italia, que era a gran favorita só obtivo catro votos, e a outra candidatura conxunta formada por Croacia e Hungría non conseguiu ningún apoio.
En xaneiro de 2008, o presidente da UEFA Michel Platini[3] fixo un chamamento aos organizadores en relación coa posta a piques dos estadios da Eurocopa. Mesmo se chegou a propor Escocia como organizador da Eurocopa 2012 no caso de que Ucraína e Polonia non cumprisen cos prazos de construción e mellora das súas infraestruturas, o cal foi confirmado máis tarde pola Asociación Escocesa de Fútbol. Con todo, en xuño de 2008 a UEFA asegurou que non había "ningún plan B en termos de novos países" organizadores. En xullo de 2011, a un ano da celebración do torneo, a UEFA organizou unha visita de inspección polas sedes da Eurocopa encabezada polo vicepresidente Gianni Infantino. Tras os avisos anteriores, as autoridades políticas de cada país lograron avanzar na construción e mellora dos estadios. Os máis atrasados, o Estadio Olímpico de Kíiv e o Estadio de Lviv, foron inaugurados en outubro dese mesmo ano (o 8 e o 29 de outubro respectivamente).
A desconfianza ante a elección de Polonia e Ucraína como sedes da Eurocopa 2012 pareceron ter sustento co lento avance das obras de construción dos estadios que albergarán o evento. A finais de xaneiro de 2008, o presidente da UEFA Michel Platini, advertiu aos organizadores dos posibles problemas, e mesmo xurdiron rumores respecto de que Escocia, Alemaña ou Hungría poderían asumir a organización no caso de que Polonia e Ucraína non puidesen completalas. A Primeira Ministra de Ucraína, Iulia Timoshenko, saíu a apoiar ao seu país, anunciando que confiaba en que os proxectos estarían listos ao seu debido tempo. Con todo, ps membros do comité organizador dubidaban de que a renovación do Estadio Olímpico de Kíiv estivese a tempo.
Aínda que a UEFA mencionou en xuño de 2008 que non existían plans para realizar a Eurocopa 2012 fóra dos dous países eslavos, Platini decidiu avaliar a situación no Congreso Executivo da UEFA en outubro. Días antes de dita reunión, o goberno polaco suspendeu as actividades da Asociación Polaca de Fútbol (PZPN) e colocou a un administrador interino, ante o cal a UEFA anunciou que dita intromisión podía provocar a suspensión da súa afiliación á FIFA e automaticamente o dereito de organización do evento.
Aínda que finalmente a situación resolveuse, os efectos da crise económica de 2008 puxeron novamente en cuestión a capacidade da organización de finalmente completar a infraestrutura necesaria, incluso xerando dúbidas por parte de Evhen Chervonenko, director do comité organizador ucraíno, quen mencionou que aínda que os estadios e aeroportos estarían en condicións, a falta de liquidez conxelou a construción do 80% dos hoteis necesarios para organizar o torneo. O ministro ucraíno de transportes renunciou ao seu cargo polo pouco apoio do estado á realización da Eurocopa no seu país. En abril de 2010, Platini deu un ultimato de dous meses a Ucraína para que ofreza garantías de que terminará a tempo os seus preparativos de infraestruturas e estadios para a Eurocopa.
Cada estadio seleccionado albergou tres partidos da fase de grupos, mentres que Varsovia e Kíiv contaron co partido de inauguración e a final, respectivamente. Ambas cidades serán ademais sedes das semifinais e de dous partidos de cuartos de final, con Gdansk e Donetsk como cidades organizadoras dos partidos restantes. A assitencia final total foi de 1 440 896 espectadores, o que fai unha media de 46.481 por partido.
As entradas para a UEFA EURO 2012 puxéronse á venda na primavera de 2011. Houbo entradas para un só partido así como paquetes para cada unha das 16 seleccións participantes. Ademais, puxéronse á venda localidades para persoas con problemas de visión ou que utilicen cadeira de rodas. Os seguintes estadios tamén foron considerados, mais finalmente non foron escollidos pola reunión da UEFA o 13 de maio de 2009.
Os centros de formación de cada equipo, é dicir, o seu centro de aloxamento e adestramento, son o destino inicial para tódolos equipos á súa chegada a Polonia e Ucraína, dende onde viaxarán aos respectivos estadios nos que se celeabrará o torneo. As localizacións foron elixidas a partir dunha lista inicial de trinta e oito puntos posibles, vinte e un en Polonia e dezasete en Ucraína. A partir desa listaxe inicial cada unha das dezaseis federación clasificadas elixiu o seu lugar en 2011, finalmente trece polacos e tres ucraínos:
A UEFA convocou a doce árbitros pertencentes a países membros para a súa desempeño durante esta Eurocopa. A cada un a organización designou dous asistentes da mesma federación para así asegurar que o trío de árbitros teña coñecemento e experiencia entre eles. A maioría dos xuíces tiveron experiencia en torneos como a Liga de Campións da UEFA, e mesmo algúns participaron no Mundial de Fútbol Suráfrica 2010, como é o caso do inglés Howard Webb quen arbitrou a final.
Slavek e Slavko son os nomes das mascotas oficiais do campionato. Son dous xemelgos cun peiteado estilo punk coas cores de Polonia, a branca e a vermella, e da Ucraína, a azul e a amarela. No peito levan os números 20 e 12, polo ano no que se celebrará o torneo. A imaxe das mascotas foi presentada ao público o 16 de novembro de 2010, xusto o mesmo día que se abriu unha votación online para elixir o nome. Os resultados da votación foron:
O "Adidas Tango 12" é o balón oficial da Eurocopa. Foi presentado o 2 de decembro durante os sorteo dos grupos do campionato en Kíiv. O Tango 12, supón a cuarta encarnación da icónica serie de balóns Tango, o cal foi o balón oficial do Mundial da Arxentina 1978. O seu deseño é clásico, con debuxos representando as bandeiras de Polonia e de Ucraína.
O logotipo oficial para o torneo foi presentado nun evento especial na Praza de Mykhailivska, Kíiv, o 14 de decembro de 2009. O seu deseño está baseado no Wycinanki, unha arte tradicional de cortado de papel en Polonia e zonas rurais de Ucraína. Esa forma artística do logo simboliza a natureza das áreas rurais de ambos países. Como parte do evento, os edificios máis emblemáticos das oito cidades sede ilumináronse co logo do torneo.
O lema da competición, "Creando historia xuntos" (en polaco: Razem tworzymy przyszłość, en ucraíno: Творимо історію разом, Tvorymo istoriyu razom), foi anunciado xunto co logotipo. O lema reflicte o feito de que Polonia e Ucraína representan os países organizadores máis orientais da historia da Eurocopa.
O sorteo da fase de clasificación tivo lugar no Palacio de Cultura e Ciencias de Varsovia onde participaron como "embaixadores" futbolísticos dos dous países organizadores os polacos Zbigniew Boniek e Andrzej Szarmach e os ucraínos Oleg Blokhin e Andriy Shevchenko.
A competición nos grupos da clasificación para a Eurocopa 2012 de Polonia e Ucraína, países xa clasificados como organizadores, comezou o 3 de setembro de 2010 e finalizou o 11 de outubro de 2011. Os líderes de grupo e o mellor segundo clasificáronse directamente á fase final da Eurocopa, mentres que os oito segundos restantes enfrontáronse en catro partidos de ida e volta para decidir os catro últimos participantes. Estes partidos foron xogados o 11 e o 15 de novembro de 2011.
Dos dezaseis equipos clasificados para a fase final, a única selección debutante no torneo é a da anfitrioa Ucraína.
O sorteo foi realizado o venres 2 de decembro de 2011 na cidade de Kíiv, capital de Ucraína. Polonia e Ucraína serán colocadas no primeiro bombo de catro, xunto coa vixente campioa España e os Países Baixos, de maneira que está é segunda Eurocopa na que Alemaña non é cabeza de serie. Cómpre destacar que Polonia xa antes do sorteo estaba adxudicada ao grupo A, con sede en Varsovia, mentres que Ucraína foi colocada no Grupo D con sede será Kíiv.
Os horarios corresponden ás horas de Polonia (UTC+2, grupos A e C) e de Ucraína (UTC+3, grupos B e D) respectivamente. Para máis información sobre cada encontro (aliñacións, trocos, sancións...) prema no resultado.