David Holmgren, nado en 1955, é un ecólogo, enxeñeiro de deseño ecolóxico e escritor australiano. É coñecido como un dos creadores do concepto de Permacultura, xunto con Bill Mollison.
Traxectoria
Holmgren naceu no estado de Australia occidental. Estudou na Universidade de educación avanzada de Hobart, en Tasmania, onde coñeceu a Bill Mollison en 1974, que era entón conferenciante na Universidade de Tasmania.[1] Os dous compartían un profundo interese polas relacións entre o ser humano e os sistemas naturais. As súas amplas conversacións e experiencias en xardinaría animaron a Holmgren a escribir o tratado que se publicaría en 1978 baixo en nome de Permaculture One.[2]
"Escribín o tratado, que se basea parcialmente nas nosas continuas conversacións e no noso traballo práctico conxunto no xardín e nas nosas visitas a outros sitios en Tasmania. Usei o tratado como referencia primaria para a miña tese, que presentei e defendín en 1976."[3]
O libro era unha mestura de introspeccións acerca da agricultura, a arquitectura da paisaxe e a ecoloxía. As relacións entre estas disciplinas sintetizáronse nun novo sistema de deseño chamado Permacultura.
Aínda que este libro está relacionado co de Russell Smith "Tree crops: A permanent agriculture" publicado orixinalmente en 1929, a principal fonte de inspiración de Holmgren foron os traballos do ecoloxista estadounidense Howard T. Odum, sobre a dinámica enerxética (Environment, Power and Society, 1971).
A palabra permacultura foi creada por Bill Mollison e el mesmo a mediados dos 70, co fin de describir un "sistema integrado e evolutivo de especies animais e plantas perennes útiles para o ser humano". Unha definición máis actual da permacultura, que reflicte a extensión doutras esferas diferentes ás estritamente reflectidas no "Permaculture One", é a de "paisaxes creadas ex-profeso que imitan os modelos e relacións atopados na natureza e que proporcionan abundancia de alimento, fibras e enerxía necesarios para satisfacer as necesidades locais". A permacultura coloca no centro da súa visión ao ser humano, as súas construcións e os modos de organización que utiliza. Así, o concepto de permacultura evolucionou dunha agricultura permanente a unha cultura da sostibilidade.[4]
O éxito inesperado da publicación de "Permaculture One" está ligado ao feito de que confluíu coas necesidades dunha contracultura ecoloxista emerxente desexosa dun enfoque positivo e consistente sobre o que inspirarse. O libro publicouse en cinco idiomas aínda que actualmente está esgotado. O seu valor é principalmente histórico xa que foi refinado e mellorado en traballos posteriores.
Mentres que Bill Mollison estivo viaxando por todo o mundo para promover e ensinar a Permacultura, Holmgren dedicouse ao aspecto do potencial da Permacultura á hora de cumprir coas promesas que se fixeron sobre ela.
Concentrou os seus esforzos en verificar e refinar a súa idea orixinal, primeiro sobre os terreos da súa nai en Nova Gales do Sur (Permaculture in the Bush, 1985; 1993) e posteriormente na súa mesma propiedade "Melliodora Permaculture Gardens" traballando xunto á súa parella Su Dennett.[5].[6]
En 2002, Holmgren publicou o libro "Permaculture: Principles & Pathways Beyond Sustainability", no que teoriza sobre un conxunto de 12 principios sobre os que apoiarse para construír unha sociedade sustentable. A súa visión da sostibilidade difire da versión clásica, na que o consumo de enerxía estabilízase aproximadamente na situación da sociedade actual. Holmgren baséase na previsión dun descenso enerxético seguindo o pico do petróleo, no cal a enerxía dispoñible decrecerá con cada xeración. Este libro inspirou a Rob Hopkins na súa iniciativa das comunidades de transición, que se centra en preparar ás comunidades para a dobre crise do pico do petróleo e o cambio climático.
Desde 1983 Holmgren actuou a través da súa empresa Holmgren Design Services como consultor para un gran número de proxectos. Exemplo deles podemos atopalos no informe Trees on Treeless Plains: Revegetation Manual for the Volcanic Landscapes of Central Vitoria (1994).
Notas
- ↑ Holmgren, David. "A chance meeting". holmgren.com.au. Consultado o 22 de xullo de 2018.
- ↑ Holmgren, David (2011). "Chapter 2: The Long View". En Dawborn & Smith (ed.). Permaculture Pioneers, stories from the new frontier. Melliodora Publishing. pp. 18–29. ISBN 9780975078624.
- ↑ Mulligan, Martin; Hill, Stuart (2001). Ecological Pioneers: A social history of Australian ecological thought and action. Cambridge: Cambridge University Press. p. 203.
- ↑ Holmgren, 2002a: xix
- ↑ Melliodora, Hepburn Permaculture Gardens - Ten Years of Sustainable Living, 1996a; Payne, 2003.
- ↑ http://holmgren.com.au/melliodora/ Melliodora, Hepburn Permaculture Gardens, at Hepburn Springs, (http://www.holmgren.com.au)
Véxase tamén
Bibliografía
- 1978 Mollison, Bill et David Holmgren Permaculture One: A Perennial Agriculture for Human Settlements. Melbourne: Transworld.
- 1985 Permaculture in the Bush. Hepburn, Victoria: Holmgren Design Services.
- 1994 Trees on the Treeless Plains: Revegetation Manual for Volcanic Landscapes of Central Victoria. Hepburn, Victoria: Holmgren Design Services.
- 1995 'The Permaculture Movement and Education' in Goldfields Permaculture and Landcarers, 3, 14-16.
- 1996 a Melliodora (Hepburn Permaculture Gardens): Ten Years of Sustainable Living. Holmgren Design.
- 1996 b 'Fryers Forest Village'. In Green Connections, 2.2, 20-21.
- 1997 'Getting Started'. In Green Connections, 10, 28-31.
- 2002 a Permaculture. Principles and Pathways beyond Sustainability., Holmgren Design.
- 2002 b David Holmgren: Collected Writings 1978-2000.CD, Holmgren Design.
- 2005 Mellidora (Hepburn Permaculture Gardens): A Case Study in Cool Climate Permaculture 1985 - 2005 eBook, Holmgren Design.
- 2006 a Trees on the Treeless Plains: Revegetation Manual for Volcanic Landscapes of Central Victoria. eBook, Holmgren Design.
- 2006 b David Holmgren: Collected Writings & Presentations 1978 - 2006 eBook, Holmgren Design.
- 2008 Future Scenarios:How communities can adapt to Peak Oil and Climate Change, Chelsea Green.
- 2013 Permacultura: Principios y Senderos más allá de la Sustentabilidad, Kaicron.
Outros artigos
Ligazóns externas