Descoñécese a orixe da súa institución, ligada dende a Baixa Idade Media ó castelo da Picoña, posteriormente vinculado á casa de Bragança, constituíuse nun pequeno territorio fronteirizo con organización propia, comparable á dun Estadosoberano,[4] que non estaba ligado nin á coroa de Portugal nin á de España. Entre os dereitos e privilexios do Couto Mixto atopábanse os de asilo ós fuxidos da xustiza portuguesa ou española, non dar soldados nin a un reino nin ó outro, exención de impostos, liberdade de comercio (como o do sal, obxecto de estanco),[b] liberdade de cultivos (como o tabaco, obxecto de estanco), liberdade de elixir a nacionalidade española ou portuguesa para os seus habitantes, e outros.[5]
Esta situación, moi antiga, foi cualificada de anómala[6] e, tanto España como Portugal, determinaron unanimemente que non se podía manter, por ser particularmente propicia ó contrabando e por acolleren tamén neses terreos bandos de malfeitores.[7] Coa firma e entrada en vigor do Tratado de Lisboa, no 1868, os seus dominios quedaron baixo a soberanía de España.[8] En contrapartida, pasaron á soberanía de Portugal as chamadas aldeas promiscuas (Soutelinho da Raia, Cambedo e Lamadarcos).[9] O territorio do Couto Mixto aínda incluía unha pequena tira deshabitada, dedicada a pastos, que quedou integrada no municipio portugués de Montalegre.[1]
Etimoloxía
Couto deriva do latíncautum "[lugar] cercado (para poder defendelo mellor)".[10]Cautum é moi abundante na documentación medieval latina de Galicia para significar terreos asegurados ou limitados. Tanto no nomenclátor de Galicia como no de Portugal hai moitos lugares con este nome ou derivados (Coutiño, Coutelo...).[11]
Mixto deriva do latín mixtu[12] "mesturado, constituído por elementos de distinta clase".[13] Por razóns estratéxicas inherentes ós respectivos modos de vida, algúns dos habitantes do Couto Mixto aceptaban ser presentados como portugueses e outros como españois, mais non se consideraban como suxeitos de ningunha das dúas coroas.[14]
Historia
O Couto Mixto constitúese como tal e comeza a formarse arredor do século XII, no 1147, porén a súa creación é anterior. A súa orixe remóntase a independencia da coroa de Portugal do Reino de Galicia, quedando as fronteiras de xurisdición pouco claras ou nada precisas e ficando os pobos fronteirizos nunha situación política ambigua.[1] O Couto Mixto naceu na Baixa Idade Media ligado ó castelo da Picoña, vinculado co tempo á casa de Bragança.
Estaba inicialmente composto por catro lugares: Santiago, Rubiás, Meaus e Pena. Este último, situado entre os de Santiago e Vilar (na parroquia de Randín), foi arrasado polas lapas entre os anos 1517 e 1518, cando un grupo armado portugués procedente dos castelos próximos prendeu lume ás casas na escuridade da noite. Nesa altura existían na zona conflitos de todo tipo e constantes accións violentas. Estaban enfrontados, pola banda portuguesa, os alcaides dos castelos da Picoña, Antonio de Araújo e, de Montalegre, Lançarote Gonçalves; e, pola galega, o meiriño do Salas, Pedro Sival, ó servizo do conde de Monterrei. Os galegos chegaron a denunciar en territorio portugués polo menos 28 agresións. A destrución do lugar de Pena provocou a fuxida dos superviventes e o seu abandono. Así e todo, as estruturas orixinais ―catro casas con instalacións auxiliares, 9 en total― aínda son recoñecibles sobre o terreo. O acontecemento pasou á tradición oral e difundiuse até a actualidade. Cóntase que a negación dos labregos a pagaren as fanegas de centeo e os beneficios do sal orixinou que os señores do castelo da Picoña enviasen homes dacabalo que queimaron as casas e mataron todos os homes. As mulleres que ficaron vivas e mais os cativos refuxiáronse en Santiago e Rubiás. Existe algunha versión alternativa, como que os responsables foron os habitantes de Rubiás en vinganza pola apropiación das súas zonas de pasto, de xeito que os sobreviventes se dirixiron para aldeas como Xermeade (Muíños).[15]
En 1518, por causa da continuación dos enfrontamentos entre as xentes de Barroso e Randín, os habitantes do Couto procuraron apoio no conde de Monterrei,[1] apoio que se mantería até a fin do Couto. Un documento de 1530 define os lugares de Santiago e Ruvyaes como mistigos de Portugal e Gallyza.[16] Ese mesmo ano, segundo o «numeramento» mandado realizar polo rei Xoán III de Portugal, Rubiás tiña 17 veciños, Santiago 7 e Meaus 8, 32 veciños que equivalerían a uns 128 habitantes en total.[17] Consta tamén documentado que en 1540 houbo que ratificar os acordos de 1518, ante a persistencia dos conflitos entre os mixtos e os veciños da Raia.[18]
O Ministerio de Facenda da Monarquía Hispánica propúxolle a Portugal en 1785 que de forma conxunta se procedese á destrución total do tabaco e dos seus muíños. Posteriormente insistiu nesta iniciativa o conde de Floridablanca, ministro de España, quen escribiu ó embaixador español en Lisboa, o conde de Fernán Núñez, para que mediante os seus bos oficios conseguise da coroa portuguesa o consenso na prohibición do cultivo e aprehensión das colleitas de tabaco do Couto Mixto.[19] O conde de Floridablanca, preocupado polo cultivo e a venda de tabaco exento de impostos, describía os habitantes do Couto Mixto como "independentes das dúas coroas" e "feroces asasinos, contrabandistas, e receptadores e auxiliadores de todo malfeitor que se refuxia a eles". En Portugal o desembargador, corrixidor e provedor da comarca Francisco de Almada e Mendonça coincidía co anterior e destacaba a "independencia que se ten arrogado, cultivan e venden tabaco".[14] Emporiso, os habitantes do Couto de natureza lusa pagábanlle a Portugal 2 400 cruzados de imposto para poder cultivar tabaco, o que non deixaba de ser un abuso en relación cos seus privilexios.[19]
No transcurso das Guerras Napoleónicas, en 1809, as tropas francesas de Soult na súa fuxida do exército anglo-luso comandado por Wellington, destruíron tódolos documentos contidos na Arca das tres chaves.[1] Coa perda de toda a documentación non é posible esclarecer historicamente a orixe da instauración do Couto Mixto. En 1819 asinouse no adro da Igrexa de Santiago un documento que recoñecía os privilexios do Couto e se ligaba á casa de Bragança e á diocese de Ourense, da que dependían espiritualmente e constituían unha única parroquia,[19] pertencendo tamén Tourém á devandita diocese.[20][21]
A mediados do século XIX partidas carlistas entraron en distintas ocasións no Couto Mixto. En 1847 un continxente militar portugués de 700 soldados seguidos por arredor de 300 mulleres, mandado polo xeneral Saldanha e perseguido por outras forzas portuguesas pernoctou unha noite no Couto. Os homes repartíronse entre as tres aldeas e marcharon o día seguinte.[19] Arredor de 1850 a prohibición de comerciar con tabaco fíxose efectiva. Tan só se permitía un máximo de trescentos pés de tabaco ó ano para autoconsumo e impoñíanse multas por cultivar tabaco que non fose para uso exclusivo dos veciños.[7] Ó parecer nos últimos anos de existencia do Couto era frecuente a destrución das plantacións de tabaco por parte de autoridades de Montalegre, efectuadas no mes de agosto, ás veces coa axuda das autoridades españolas.[19]
En 1851 formouse a Comisión Mixta que tería que dirimir os límites entre os dous estados. Esta Comisión visitou as terras do Couto Mixto e das aldeas promiscuas en xullo de 1856 pero non se chegou a acordo ningún porque os portugueses propoñían dividir o Couto seguindo o leito do río Salas, de modo que Santiago e Rubiás pasasen a ser portuguesas e Meaus española. O representante da delegación española, Fidencio Bourman, negouse a esta pretensión argüíndo que a negociación territorial era competencia dos respectivos gobernos e que tiña que resolverse por vía diplomática. En 1863 houbo unha segunda proposta, tamén rexeitada, segundo a cal Santiago pasaría tamén a España. Asemade, os habitantes do Couto Mixto elixiron a Delfín Modesto Brandón en xaneiro de 1863 como Xuíz para tentar pór fin ós abusos continuos e á violación da soberanía cometida polas autoridades portuguesas e españolas.[22]
Por fin, o 29 de setembro de 1864 presentouse e asinouse o Tratado de Lindes que remataba definitivamente coa institución do Couto Mixto. España entregaba, a cambio dos lugares que constituían o Couto Mixto, as tres aldeas promiscuas a Portugal: Soutelinho da Raia, Lamadarcos e Cambedo. Estes tres lugares están situados poucos quilómetros ó leste do Couto, sobre a mesma raia fronteiriza e vivían nunha situación parecida, pero sen os privilexios que caracterizaban o Couto Mixto. Á marxe de establecer a territorialidade española do Couto Mixto e portuguesa das aldeas promiscuas, o Tratado deu un prazo dun ano para que os habitantes destes lugares optasen definitivamente pola nacionalidade da súa preferencia.
Delfín Modesto Brandón renunciou ó cargo cando a disolución do territorio era inevitable, foi sucedido por un último Xuíz, que rematou o seu mandato coa partición e anexión formal do territorio.[22] A ratificación do tratado e a entrega dos territorios a España foi celebrada o 23 de xuño de 1868 na igrexa de Santiago. Os días 27 de xuño en Soutelinho e 28 do mesmo mes en Cambedo e Lamadarcos, nunha cerimonia similar, realizouse o acto oficial da entrega das aldeas promiscuas ó goberno portugués. A vixencia do Tratado dos Lindes entrou definitivamente en vigor o 5 de novembro de 1868.[23]
Actualmente, Cambedo pertence a Montalegre, Soutelinho e Lamadarcos a Chaves. As tres aldeas do Couto Mixto foron nun principio asimiladas ó concello de Baltar pero os habitantes de Santiago e Rubiás, máis relacionados con Calvos de Randín, reclamaron a súa inclusión neste segundo concello, o que lles foi concedido pola Deputación de Ourense o 29 de maio de 1870, que creou para tal efecto a parroquia de Rubiás dos Mixtos.[18] En 1906, os gobernos español e portugués recoñeceron terreos para pasto comunal, para uso de gandeiros dos dous lados da fronteira, sen que iso modificase o trazado da antedita fronteira.
Plano en que se sinalan as terras de pastos comúns (1898).
Cultura
Tradición oral
Conta unha lenda, de moita sona, que unha princesa desterrada quedou atrapada pola neve na súa fuxida mentres percorría a serra da Pena, estaba a punto de dar a luz e entre terribles dores desfalecía cando a socorreron os veciños do Couto. Agradecida, concedeulles a independencia e os citados privilexios cando foi raíña.[1][24]
A arca das tres chaves, unha arca de madeira onde se gardaban o arquivo e os selos do Couto Mixto e custodiada na sancristía da igrexa de Santiago, que se consideraba a capital política do territorio. Fechábase con tres chaves, os representantes de cada unha das aldeas gardaban cadansúa chave, das cales o xuíz custodiaba unha, á que lle correspondía ó seu lugar. Para abrila celebrábase unha solemne cerimonia: debíanse reunir doce homes mais os tres gardiáns das chaves, un total de cinco por poboación. No transcurso da Guerra Peninsular o exército de Soult destruíu tódolos documentos.[19] A arca do século XV[26][27] é o símbolo representativo do Couto Mixto,[28] foi restaurada e custódiase na igrexa de Santiago.[5][29]
De orixe medieval, o Couto Mixto reunía moitas características intrínsecas dun Estado independente: un territorio ben delimitado coa súa poboación e uns dereitos xenuínos e exclusivos da mesma, un Goberno propio e uns privilexios dos que non gozaban os habitantes doutras parroquias da redonda. O cal constituía unha situación excepcional naquel período histórico. Cando o Couto Mixto desapareceu de iure no 1864, os Estados español e portugués tentaban avanzar, moi devagar e irregularmente, neste senso (soberanía nacional, división de poderes, dereitos dos cidadáns etc.).
Dos moitos dereitos exclusivos que posuían os habitantes do Couto, un dos máis destacables era o referido á participación política, xa que conservaba características propias da democracia directa (elección democrática dos cargos, concello aberto, revogación dos cargos electos etc.), que tamén existían en moitas parroquias do ámbito territorial da antiga Gallaecia, e que se perderon posteriormente coa instauración dunha organización local uniformada en España e, en menor mediada en Portugal, onde se mantiveron as freguesías. Naquel contexto histórico a potestade para elixir os representantes das tres poboacións, tanto homes de acordo como Xuíz ou Alcalde do Couto, correspondíalle ós gobernantes de cada cada casa, ás cabezas de familia, sendo o sufraxio exclusivamente masculino.[4] Os electores podían tamén trocar os representantes electos antes de acabar o seu mandato se estes detectaban un mal cumprimento no desempeño das funcións para as que foran elixidos.[32]
O modelo sociopolítico do Couto Misto empregaba o denominado concello aberto, parroquia aberta (ou a toque de campá) ou simplemente concello, reunido na praza pública ou no adro da igrexa, no cal se tomaban as decisións para o goberno das comunidades.[4] O concello aberto tamén foi unha institución tradicional galega, especialmente documentada na Limia. O xefe do Couto, co título de "xuíz gobernativo e político", escollido en asemblea polos cabeza de familia cada tres anos e confirmado polo corrixidor de Montalegre, estaba auxiliado durante o tempo que duraba o seu mandato polos homes de acordo, dous por cada aldea, e un vigairo de mes. As funcións gobernativas do Xuíz ampliábanse en primeira instancia en materia xudicial; porén, nos preitos importantes, os litigantes podíanse acoller ás xustizas galega e portuguesa, de Xinzo e Montalegre, respectivamente. En materia penal, o xuíz sempre rexía por xurisdición propia, mais tratándose de homicidios, o reo era posto a disposición do xulgado español ou portugués, dependendo da súa natureza.[23] As funcións dos homes de acordo eran as de impoñer sancións no caso de faltas leves e a poxa ou venda de masas comúns para cubrir os gastos colectivos. O vigairo de mes, acompañado por dous homes, podía embargar algún ben ou pertenza de quen se negase a pagar unha sanción sen necesidade de incoar expediente algún.[19]
Canto ó relixioso, as tres aldeas formaban unha única parroquia, sendo o párroco presentado pola casa de Monterrei e nomeado polo bispo de Ourense. No ámbito civil, político, económico e administrativo o Xuíz era a máxima autoridade do Couto; a súa proclamación como Xuíz era ratificada polo corrixidor de Montalegre, en nome da casa de Bragança, que lle outorgaba ó Xuíz unha insignia que cinguía á cintura. Esta situación perdurou ata 1834 ou 1836, cando as autoridades portuguesas deixaron de confirmar o Xuíz, ó extinguirse en Portugal os coutos, momento no que comezaron os habitantes do Couto Mixto a proceder per se.[19]
O Couto Mixto pagaba anualmente, ata 1834, mil douscentos reais á coroa portuguesa e outro tanto á española, os pobos mixtos recoñecían o señorío de España sobre eles, pagando unha suma anual denominada alcabala. O Couto pagaba ademais doce mil reais á serenísima casa de Bragança, por considerala propietaria do terreo onde se estableceran os mixtos. Tal como fixeron os moradores de Tourém, cada parella pagaba dereitos de xugada ó alcalde do castelo da Picoña, como representante do duque de Bragança.[14][19]
Privilexios do Couto Mixto
Os veciños do Couto Mixto uns eran españois e outros portugueses e a súa clasificación facíase cando construían as súas casas; declaraban perante a súa autoridade local, escribán e testemuña a cal dos dous reinos desexaban que se lles aplicase, sendo libres na elección. Ningún dos veciños do Couto pagaba contribución de sangue nin de diñeiro. Os veciños podían vender os seus cultivos e gandos nas feiras dos dous reinos e mercar o que fora mester; calquera xénero lícito ou ilícito que se introducía no Couto podía venderse publicamente sen que os resgardos de España e Portugal puidesen prendelos ou comisalos. Era tamén privilexio do Couto que calquera foráneo dun ou outro reino, unha vez refuxiado no Couto, non podía ser arrestado de delito pola Graza de Asilo. Estes son algúns dos privilexios dos que gozaba o Couto Mixto e que os veciños gardaban con tanto celo que poucos ían casar fóra do Couto.[19][23][33]
Autogoberno
Os habitantes do Couto tiñan o privilexio do autogoberno, mediante a elección dun Xuíz ou Alcalde polas cabezas de familia das tres aldeas, elección celebrada no inverno cada tres anos. Este Xuíz exercía as funcións gobernativas, administrativas e xudiciais fronte a delitos cometidos dentro dos límites do Couto. Alén diso, había a posibilidade de tomar acordos en concello aberto por tódolos veciños e podían empregar o dereito de revogación para mudar os representantes electos antes do final do seu mandato se se detectaba un mal desempeño das funcións para as que foron elixidos.
Tributos
Os habitantes do Couto Mixto non estaban obrigados a pagar tributos a Portugal ou a España, nin os debidos pola terra, pola práctica de actividades comerciais ou industriais, por consumo, sucesión ou outros. Ese feito levou a moitas persoas a contraer matrimonio e estabelecerse no Couto. O mesmo tempo estimulouse unha dinámica actividade comercial, clasificada moitas veces polas autoridades de ambos os países como contrabando, beneficiábanse do feito de que non podían ser detidos ata unha legua dos límites do Couto e nin nos camiños ou vereas privilexiadas, nin por actividades lícitas nin por aquelas consideradas como ilícitas.
Nacionalidade
Os habitantes do Couto Mixto non estaban obrigados a escoller nacionalidade, podendo inclinarse por unha ou por outra, dependendo de razóns xeográficas, familiares ou tradicionais. Uns eran españois e outros portugueses, escollendo libremente a nacionalidade da súa preferencia: no momento da voda, declaraban perante a súa autoridade local, escribán e testemuña, colocaban un P ou G xunto á porta da casa e bebían á saúde dun dos reis. Con esas marcas sometíanse á lexislación de España ou á de Portugal, pero a partir dos anos 40 do século XIX, receando ser incomodados polas respectivas autoridades, fixeron desaparecer as letras e substituíronas por outros símbolos (nomes, datas, cruces etc.). Os veciños do Couto tampouco estaban obrigados a utilizar cédulas persoais, beneficiándose á hora de realizar determinados documentos públicos, non estando suxeitos ós efectos xurídicos dunha nacionalidade concreta.
Exención de sangue
Os habitantes do Couto non contribuían nin ó Exército portugués nin ó español, nin sequera en tempo de guerra. Este dereito de exención de sangue foi motivo dun grave conflito en 1809, cando a xunta de armamento da Boullosa chamou a servir ó Rei a tódolos mozos do Couto, orde que tivo que derrogar o Marqués de la Romana.
Dereito de asilo
Nin as autoridades portuguesas nin as españolas podían entrar no Couto en persecución dun individuo, excepto no caso de determinados delitos, como o homicidio e outros delitos de sangue. Este dereito, probable reminiscencia dos primitivos coutos de homiciados, incomodaba bastante ás autoridades de ambos os países, o que, historicamente, se traduciu pola acción esporádica, ben da xustiza portuguesa, ben da española, no territorio do Couto. Do mesmo modo, o Couto podía negar aloxamento ás forzas militares de ambos os países, práctica que en diversas ocasións non se respectou diante da superioridade numérica das tropas visitantes.
Comercio
Os veciños do Couto dedicábanse ó cultivo de liño, millo, patacas etc., á cría de gando (especialmente de vacas de raza cachena), á fabricación de apeiros agrícolas e ó comercio de todos estes produtos nas feiras dun e doutro lado da fronteira. Esta actividade agrícola e gandeira estaba marcada pola súa situación xeográfica pero nunca pasou de ser unha actividade de subsistencia polo que se dedicaban principalmente ó comercio, amparándose nos privilexios que os dous países lles concederan. Podían cultivar todos os xéneros, inclusive aqueles obxecto de estanco, controlado con rigor en ambos os países. Así, destacaba o comercio do sal e do tabaco. Podían frecuentar as feiras das comarcas limítrofes, comprando e vendendo todo tipo de gando e mercadorías sen a obriga de pagar dereitos ou de presentar guías, documentos aduaneiros ou de calquera tipo. Tamén estaban autorizados para a venda de produtos farmacéuticos, para o que non se esixía ningunha titulación.
Impresos oficiais
Non estaban obrigados ó uso de papel selado, podendo facer uso de papel común en todos os tipos de acordos e contratos. Do mesmo modo tampouco estaban obrigados a pagar dereitos polo rexistro de propiedade, como no caso de hipotecas.
Camiño privilexiado
Os habitantes do Couto dispuñan dunha verea ou camiño privilexiado que, partindo do Couto, atravesaba as terras de Calvos de Randín ata o seu destino en Tourém. Estaba delimitado por mouróns ou marcos de pedra, marcados con diversos sinais, como cruces. Utilizado para o tránsito de persoas e de mercadorías, as autoridades de ambos os países non podían realizar ningunha aprehensión dentro dos seus límites (nin de contrabando), nin podían molestar os seus usuarios. Os habitantes do Couto non necesitaban de licenza para o porte de armas de calquera clase (de caza ou de defensa), nin dentro do Couto, nin no camiño privilexiado.[34]
O Couto Mixto no século XXI
En 1998 creouse a Asociación de Amigos do Couto Mixto coa finalidade de recupera-la súa memoria histórica. Forman parte desta Asociación persoeiros da cultura galega como Luís García Mañá, Bieito Ledo Cabido, Xesús Ferro Ruibal, Xosé González Martínez ou Antón Pulido. Dende o ano 2000, esta Asociación nomea anualmente tres Xuíces honorarios entre as personalidades ou organizacións que destaquen no seu labor cultural e etnográfico. Aos nomeados entréganlle simbolicamente unha chave que lembra a que portaban os homes de acordo. Outras finalidades da Asociación de Amigos do Couto Mixto son o desenvolvemento de actividades culturais (como os cursos de verán celebrados en colaboración coas universidades de Vigo e de Trás-os-Montes),[35] o proxecto dun Museo Aberto do Couto Mixto[36] (en colaboración co concello de Calvos) e a publicación de diferentes estudos de investigación (como o Inventario microtoponímico do Couto Mixto).[37]
O Couto Mixto recibiu no 2002 o Premio da Fundación Premios da Crítica Galicia, na súa sección de Iniciativas Culturais, "pola recuperación da autoestima e memoria histórica coma parte dun espazo xeográfico e cultural, por favoreceren o reencontro da convivencia entre Galicia e Portugal a partir das raíces comúns e por recuperaren unha manifestación de riqueza antropolóxica e cultural que, neste caso, é un exemplo de mestizaxe cultural".[38] Ese mesmo ano, a mesma Fundación elixiu o Couto Mixto para presenta-lo manifesto «Falamos unha lingua milenaria»[39] no que numerosos persoeiros destacados na cultura galega proclamaban a súa fidelidade ó galego como lingua propia e independente.[40][41] Nese mesmo acto, erixiuse en Santiago de Rubiás un milladoiro de pedras e palabras.[42]
Diferentes propostas políticas relativas ó Couto Mixto propiciaron debates e resolucións dos parlamentos galego, español: en maio de 2007 unha "Proposición no de ley" foi discutida e aprobada no Congreso dos Deputados recoñecendo a singularidade do Couto Mixto como enclave histórico e cultural, e apelando a tomar as medidas que permitan o desenvolvemento social e económico do territorio.[43][44] Ó mesmo tempo, unha moción similar foi aprobada polo Parlamento de Galicia.[45]
En maio de 2008 inaugurouse no adro da igrexa de Santiago unha estatua en bronce que representa o último Xuíz que tivo o Couto e que asistiu á extinción do seu status especial, don Delfín Modesto Brandón. A falta dunha imaxe deste home, a estatua representa, sentado no banco corrido do muro de pedra do adro, un home coa roupa da época e provisto do bastón de mando que distinguía ós Xuíces, nun deseño obra de García Mañá. O escultor foi o vigués José Molares.[46] No 2012 comezouse a restauración das pinturas murais descubertas na sancristía da igrexa de Santiago de Rubiás; coa eliminación do cal viron a luz doce pinturas renacentistas de tamaño natural datadas entre os séculos XV e XVI que representan diferentes escenas da iconografía relixiosa.[26]
En xullo de 2022 créase a Academia das Ciencias Sociais do Couto Mixto,[47] presidida por Xosé Manuel Cid,[48] que aglutine a personalidades que formulen proxectos innovadores para todos os ámbitos e serva para estreitar máis os lazos entre estes dous países que están unidos pola raia seca e o Couto Mixto. A idea é que a academia estea formada por arredor de 15/20 persoas que se vaian incorporando paulatinamente e que destaquen por dedicar parte da súa investigación ó Couto Mixto, principalmente desde o ámbito social, ampliando o coñecemento que xa existe sobre el desde o punto de vista histórico e literario a outros eidos como poden ser o dereito, a economía, o turismo ou a comunicación.
↑O réxime de estanco consistía na prohibición da produción e venda libre de determinados produtos controlados polo Estado, que fixaba prezos, taxas e puntos de venda autorizados.
[...] e finalmente, recoñecendo a necesidade de facer desaparecer a anómala situación na que, á sombra de antigas tradicións feudais, permaneceron até aquí algúns pobos inmediatos á liña divisoria de ambos os Estados, con notable e común prexuízo destes [...]
[...] Portugal renuncia en favor de España a tódolos dereitos que poida ter sobre o terreo do Couto mixto e sobre os pobos situados no mesmo, que en virtude da división determinada pola liña descrita quedan en territorio español.
↑García Álvarez, Jacobo, ed. (XII, 2.2015). "La frontera hispano-portuguesa. Representaciones geográficas, paisajes y delimitación territorial (ss. XVII-XXI)". Revista de Historioagrafía (RevHisto)(en castelán) (Universidad Carlos III de Madrid) (23): 28. ISSN1885-2718.
Royvaes he aldea mistiga de Galyza e Purtugall, que vyvêm misturados Galegos e Purtugeses, hûs mitidos por outros e nam acerta divisam ãntre hûs nê outros, somente hûa casa de Purtugall jaz mitida antre as de Galyza, e as de Galysa ãntre as de Purtugall
—transc. doc. do século XVI, p.272
↑Borralheiro, Rogério (2008). Tourém. Vila e concelho. História de uma Honra de Barroso(en portugués). Junta de Freguesia de Tourém. p. 50. ISBN978-989-20-1266-7.
↑"Pobos do Couto Mixto". Web oficial da Fundación Premios da Crítica Galicia. Arquivado dende o orixinal o 06 de maio de 2021. Consultado o 2020-02-05.
Salinas Valencia, Máximo (2002). O Couto Mixto: o seu contorno arraiano e os Pobos Promiscuos. Descrición socioeconómica. Asociación de Amigos do Couto Mixto. ISBN84-7680-388-5.