Cottbus en alemán e Chóśebuz en baixo sorabo, oficialmente Cottbus/Chóśebuz[1] é unha cidade no leste de Alemaña. É, despois da capital estatal Potsdam, a segunda cidade maior de Brandeburgo. Xunto á cidade de Brandeburgo, Frankfurt do Oder e Potsdam, é un do catro centros administrativos (Oberzentrum) do Estado federal de Brandeburgo e ten o status de cidade libre (Kreisfreie Stadt).
Historia
Idade Media
O asentamento estableceuse no século X, cando os sorbios erixiron un castelo nunha illa areosa no río Spree. A primeIra mención rexistrada do nome foi en 1156. As fontes históricas sinalan que Cottbus puido obter os dereitos de cidade nalgún momento comprendido entre 1216 e 1225.[2] No século XIII os colonos alemáns da Ostsiedlung chegaron á cidade e viviron xunta os sorbios. No século XV Cottbus era coñecido pola lan e os tecidos que se exportaban a todo Brandeburgo, Bohemia e Saxonia.
Idade Moderna
En 1514 Jan Rak fundou a Universitas Serborum na cidade. En 1701 comezou a formar parte do Reino de Prusia. Tamén foi gobernada por Saxonia entre 1807 e 1813 e en 1871 pasou a ser parte do Imperio alemán.
Século XX
Segundo o censo prusiano de 1905, a cidade de Cottbus, daquela de menor extensión, tiña unha poboación de 46.270 habitantes, dos cales o 97% eran alemáns, o 2% sorbios e o 1% polacos.[3]
Desde 1976, Cottbus ten a categoría de Cidade Grande ao alcanzar máis de 100000 habitantes, perfilándose como centro administrativo, científico e de servizos.
Xeografía
Clima
A cidade atópase nunha zona tépeda, a 75 m sobre o nivel do mar. As súas coordenadas xeográficas son 51°46'N e 14°20'E.
A temperatura media anual rolda os 8,9 graos Celsius. O mes máis caloroso é xullo con 18'4 °C. O mes máis frío é xaneiro, con -0,8 °C de temperatura media. A diferenza entre as temperaturas máxima e mínima, coñecida como amplitude, oscila pois uns 19,2 °C.
A precipitación media anual é de 565 milímetros. A maior parte das choivas prodúcense en agosto con 69 milímetros de media; febreiro é o mes coa menor cantidade de choiva cunha media de 30 milímetros. Prodúcense precipitacións durante todo o ano, pero son máis intensas no verán. Por iso o clima é húmido durante todo o ano, polo que pode afirmarse que en Cottbus non hai tempada seca nin tempada de choivas.
Economía
Cottbus do mesmo xeito que a maior parte das cidades da ex RDA viviu unha difícil progresión económica desde a reunificación; aínda que a situación mellorou globalmente, algúns indicadores relativos eran máis favorábeis antes da década de 1990.[7] A rexión ostenta historicamente, desde hai séculos até a actualidade, un dos niveis de riqueza máis baixos de Alemaña, a pesar das subvencións do goberno federal e da Unión Europea (UE).
Cultura e educación
Cultura soraba
Cottbus é o centro cultural da minoría baixo-soraba. Moitos letreiros da cidade son bilingües, e hai un Gymnasium (escola) e un barrio sorabo, pero a lingua soraba raramente se fala nas rúas.
Edificios relevantes
En Cottbus está o famoso Parque Branitz, creado polo príncipe Hermann von Pückler-Muskau en 1845. O Schloss Branitz (castelo de Branitz) foi reconstruído por Gottfried Semper nun estilo barroco tardío entre 1846 e 1852, en cuxos xardíns puxeron dúas pirámides; unha delas, a Seepyramide, está no medio dun lago artificial e serve de mausoleo.[8]
Cottbus ten un equipo de fútbol, o Energie Cottbus, que xoga na Regionalliga Nordost na tempada 2021–2022. Os seus partidos na casa xóganse no Stadion der Freundschaft.
↑Heinrich Gottfried Gengler (1863). Regesten und Urkunden zur Verfassungs-und Rechtsgeschichte der deutschen Städte im Mittelalter. Erlangen, pp. 658–661