A Copa do Rei de 1922 foi a 20ª edición da competición. Foi conquistada polo FC Barcelona, que derrotou ao Real Unión de Irún na final disputada no Campo de Coia de Vigo, sumando o seu quinto título.[1] Disputouse ao longo dos meses de marzo, abril e maio do ano 1922 polos equipos campións dos distintos torneos rexionais celebrados no territorio estatal na tempada 1921-22.
Nesta edición da Copa participaron os gañadores dos 8 torneos autonómicos que se disputaron en España durante a primeira metade da tempada 1921-22.
Consistiu en dúas roldas a dobre partido cos partidos decididos segundo a rexión de procedencia do club. No caso de empatar a vitorias, disputaríase un partido de desempate en terreo neutral. Os dous últimos contendentes enfrontáronse na final nun só partido en campo neutral.
Os partidos correspondentes á eliminatoria de cuartos disputáronse todos o mesmo día, xogándose a ida o 12 de marzo e a volta o 19 de marzo. Todas as fases de clasificación foron dominadas con bastante facilidade polos equipos gañadores da mesma, agás a que enfrontou ao Real Madrid e o Arenas de Getxo, que requiriu ata tres desempates e unha prórroga para que finalmente o Real Madrid pasase a rolda. Os desempates disputáronse nun campo neutral en Madrid os días 22, 23 e 29 de marzo.[2]
As semifinais xogáronse nos seus partidos de ida o 2 de abril e nos de volta unha semana despois, o 9 de abril. Curiosamente, no empate entre o Real Madrid e o Real Unión tamén foi necesario un desempate xa que os dous equipos gañaron os seus partidos como locais. Pero esta vez o eliminado foi o equipo madileño, que viu como o 11 de abril en San Sebastián perdía todas as opcións de regresar a unha final de Copa despois de varios anos sen xogala. Na outra eliminatoria, o empate 1-1 en Barcelona semellaba dar esperanzas aos "sportinguistas" pero un rotundo 7-2 en Xixón deu o pase ao Barça.[2]
A final disputouse nun ateigado campo de Coia en Vigo.[3] Na primeira parte dominou o Real Unión, pero adiantouse o FC Barcelona cun gol de Ramón Torralba, que foi empatado pouco despois cun tanto de Patricio Arabolaza. Samitier e Alcántara puxeron dous goles máis no marcador pouco antes do descanso. Na segunda parte o Real Unión buscou o empate pero no canto diso recibiu dous goles máis, obra de Gràcia e Alcántara.[4]