O partido foi fundado na I Asemblea fundacional no Santuari de la Mare de Déu de Montserrat o 15 de novembro de 1974, nunha reunión semiclandestina aproveitando o 75 aniversario do FC Barcelona, organizada por Miquel Sellarès i Perelló e Miquel Esquirol. Nela participaron 125 persoas, entre elas Joan Granados i Duran, Marc Teixonera, Jordi Pujol i Soley e Anton Cañellas, alén dun grupo de persoas próximas a Jordi Pujol, como Jaume Casajoana, Xavier Polo, Rafael Pradas, Oriol Panyella e Lluís Maria Sunyer. A maioría eran profesionais independentes, algúns sindicalistas e membros de movementos confesionais próximos a UDC. Na reunión Jordi Pujol definiu fer país como o devezo de formar unha determinada moral, transformar as mentalidades e construír a colectividade catalá, reformar a lingua, expandir a cultura catalá, reformar as tradicións e crear unha nova mentalidade económica. A reunión remata co apoio á defensa da democracia e da liberdade, así como á participación social, ó autogoberno e á proxección europea de Cataluña.
No VII Congreso celebrado en 1985 foi aprobada unha nova estratexia. Miquel Roca fundou a nivel español o Partido Reformista Democrático (PRD) de carácter centrista, para participar na política global española (nomeada operación Roca). Nas eleccións xerais españolas de 1986 CiU conseguiu 1 012 054 votos, 18 deputados e 8 senadores, mais o PRD tan só 194.538 e ningún escano. Así e todo, no VIII Congreso de CDC Jordi Pujol foi elixido presidente e Miquel Roca continúa como secretario xeral até o IX Congreso de 1992.
En 2007, Artur Mas asumiu unha nova estratexia na que tentou agrupar diversos sectores do soberanismo político baixo o lema de "La Casa Gran del Catalanisme".[3]
Nas eleccións de 2010 ao Parlamento catalán, o candidato á Presidencia da Generalitat por CIU, Artur Mas, volveu gañalas conseguindo 62 escanos. A pesar de non consegui-la maioría absoluta no Parlamento, foi investido como 129º Presidente da Generalitat na segunda volta por mor da abstención do PSC-PSOE e ser suficiente a maioría simple para conseguilo. Tomou posesión do cargo o 27 de decembro de 2010 no Salón Sant Jordi do Palacio da Generalitat.
Entre o 23 e o 25 de marzo de 2012, Convergència, celebrou o XVI Congreso en Reus, onde marcou como obxectivo "acada-la plena soberanía, o Estado propio". Produciuse un relevo xeracional, no que Jordi Pujol recibiu o título honorífico de presidente-fundador do partido[4] e Mas era nomeado como presidente, pasando Oriol Pujol a secretario xeral e Josep Rull á secretaría de organización e o relatorio político fora moi discutido, quedando insatisfeitos os sectores máis soberanistas.[5] Porén, no congreso, varios dirixentes afirmaran abertamente que o obxectivo a medio prazo de CDC era a consecución da independencia. Poucos meses despois, a raíz da manifestación "Cataluña novo estado de Europa", Artur Mas propuxo un pacto fiscal co estado español co que aspiraba a supera-lo Estatuto de Autonomía de Cataluña de 2006, que fora fortemente recortado dous anos despois. Ao non conseguilo convocou, anticipadamente, Eleccións ao Parlamento de Cataluña de 2012, nas que CiU perdeu representación respecto a comicios anteriores.
No 2014, prouciuse a retirada de Oriol Pujol i Ferrusola por unha presunta implicación nunha trama corrupta (as primeiras novas apareceron ao día seguinte de acceder á secretaría xeral), polo que Josep Rull, fíxose cargo da secretaría xeral. Ese mesmo ano, destapouse o denominado Caso Pujol no que o expresidente da Generalitat admitiu ter cartos en Andorra recibidos, presuntamente, dunha herdanza non declarada de seu pai.[6] Ao coñecerse este feito, Jordi Pujol foi apartado de tódolos seus cargos de Converxencia e os novos dirixente chamaron a realizar unha refundación do partido.[7]
O 23 de novembro dese mesmo ano, o coordinador do partido, Josep Rull, anunciou a celebración, nun prazo de catro a cinco meses, dun congreso para integrar CDC nunha nova plataforma ampla de centro e soberanista.[11] No entanto, a imposibilidade de formar goberno en España tralas eleccións xerais do 20 de novembro de 2015, forzaron unha nova convocatoria electoral o 26 de xuño de 2016. Diante desta situación, CDC tivo que apraza-lo congreso no que decidiría sobre o seu futuro. Finalmente, a dirección decidiu convocar o Superdissabte, unha consulta que se levou a cabo o 21 de maio, dentro do XVII Congreso.[5] A militancia tiña que decidir se refundar Convergència ou crear unha nova formación política.[12] Cun 67% dos votos, os militantes de CDC decantáronse pola creación dun novo proxecto político,[13] que se constituíu no congreso do partido celebrado entre o 8 e o 10 de jullo de 2016 e que supuxo o nacemento da formación política que recollía o relevo de Convergència Democrática de Cataluña: o Partit Demòcrata Europeu Català.
Condena
En xaneiro de 2018, o partido foi condenado a pagar 6 millóns de euros en relación ao Caso Palau, onde se comprobou o seu financiamento ilegal continuado empregando o Palau da Música catalá para cobrar comisións de empresas que posteriormente recibían a cambio adxudicacións de obras públicas.[14]
Estrutura
Federacións
Convergència Democràtica de Catalunya organizábase en 9 federacións territoriais: Barcelona cidade, Comarcas de Barcelona, Comarcas Centrais, Xirona, Cataluña Norte, Comarcas do Alto Pirenero, Terras do Ebro; Lleida e Tarragona.
No 2006 absorbeu ó Bloc Català, no seu congreso refundación decidiuse integrar en CDC como unha federación rexional autónoma, pasando a ser Cataluña Norte o primeiro territorio fóra da Comunidade Autónoma de Cataluña onde se organiza. En 2008, CDC conseguiu 15 concelleiros na Cataluña Norte, entre os que había un concelleiro na vila de Perpiñán e 2 alcaldes. En outubro de 2012, CDC de Catalunya Nord e as federacións da Union pour un mouvement populaire (UMP) nos Pireneos Orientais chegaron a un acordo electoral. CDC aclarou que se realizou por un proxecto para ese territorio para obter unha lei para as linguas rexionais. Tamén manifestou por desenvolver a francofonía no territorio administrado pola Generalitat.[15]
Sección xuvenil
A súa organización xuvenil foi a Joventut Nacionalista de Catalunya (JNC), fundada en abril de 1980 na localidade de Platja d'Aro.[16] Hoxe en día, a JNC mantense como a organización política das mocidade do PDeCAT.
Ao se produci-la dimisión de Oriol Pujol, creouse un novo cargo, Coordinador xeral do comité de dirección, para o que foron nomeados Lluís Corominas e Josep Rull.