Esta comarca de 450,39 km²[1] sitúase entre as Terras do Deza e as da costa e nela distínguense dúas unidades xeográficas distintas: a Terra de Tabeirós ao norte, que forma parte do val do Ulla, e a zona montañosa da Terra de Montes ao sur.
Demografía
En 2020 a poboación era de 23.659 habitantes[1], dos cales 20.351 vivían no concello da Estrada,[2] o que é indicativo do carácter de núcleo reitor comarcal desta vila. As cidades máis importantes preto da comarca son Compostela e Pontevedra.
A comarca de Tabeirós - Terra de Montes está a ser unha zona onde a sangría demográfica é constante: entre 1981 e 2016 a comarca perdeu de 13.474 habitantes (un terzo da poboación).[3]
A Terra de Montes conformouse desde a división parroquial que realizaran os reis suevosTeodomiro e Miro na segunda metade do século VI. A comarca consolidouse coa súa incorporación á sede arcebispal de Iria Flavia. En 1115 o arcebispo Xelmírez, por doazón de Dona Urraca, construíu a torre-fortaleza do Castro de Montes, desde a que os xuíces-meiriños gobernaban a comarca. En 1135 construíuse o mosteiro de Aciveiro, arredor do cal se creou unha importante actividade comercial e artesanal a partir do século XII.