Cicerón naceu nunha antiga familia do Lacio, a quen se lle dera a cidadanía romana soamente en 188 a.C.. O pai proporcionou aos dous fillos, Marco, o máis vello, e Quinto, unha educación moi completa, sendo Marco Tulio entregado aos coidados do célebre senador e xurista romano Mucio Escévola. Viviu nun período especialmente turbulento da historia de Roma. Despois do asasinato de Xulio César, enfronta con Marco Antonio e é degolado cando tenta fuxir para o Oriente.
Cicerón é, con Demóstenes, o mellor expoñente da oratoria clásica. Pola súa voz, postura, xenio, paixón e capacidade de improvisación está dotado para o exercicio da elocuencia. Son famosos os seus discursos contra Verres, en prol da Lei Manilia, contra Catilina (as famosas Catilinarias), en favor de Milón e de Marcelo e contra Marco Antonio. É autor de diversos tratados filosóficos sobre o Estado, o ben, o coñecemento, a vellez, o deber, a amizade etc., que transmiten a tradición do pensamento grego. As súas propias ideas sobre a arte da oratoria, así como unha historia desta, exprésanse en tratados escritos de forma dialogada, como De Oratore, Brutus, Orator etc. Salienta tamén De officiis, escrita en forma epistolar. Ata nós chegan case un millar de cartas de Cicerón sobre temas variados que constitúen un valioso conxunto documental. Cícero desenvolve a prosa latina ata a levar á súa perfección, do mesmo modo que Virxilio e Horacio o fan coa poesía.
Recoñecido coma un dos máis importante autores da historia romana, é responsable da introdución das máis célebres escolas filosóficasgregas na literatura republicana, así como da creación dun léxico filosófico en latín. Grande orador e reputado letrado, Cicerón centrou toda a súa atención na súa carreira política. Actualmente é recordado polos seus escritos de carácter humanista,[6] filosófico e político. As súas cartas, a maioría enviadas a Ático, gozaron dun gran recoñecemento pola introdución dun estilo epistolar depurado na literatura europea. Cornelio Nepote destacou a riqueza ornamental destas cartas, escritas «sobre as inclinacións dos xefes, os vicios dos xenerais e as revolucións estatais», que transportan ó lector a esa época.[7]
Coma un dos máximos defensores do sistema republicano tradicional, combateu como puido a ditadura de Xulio César. Porén, durante a súa propia carreira non dubidou en cambiar de postura dependendo do clima político. Atribúese esta indecisión ó seu carácter sensible e impresionable, posto que era propenso a reaccionar de xeito excesivo ante os cambios. O erudito Asinio Polión escribiu del:
¡Ogallá puidese soportar a prosperidade con maior autocontrol e a adversidade con maior fortaleza![8][9]