Estando en posición dominante sobre o Campo de San Mamede, este monumento atópase ligado á fundación do Condado Portucalense coma escisión sur do Reino de Galiza e ás loitas de independencia de Portugal, sendo designado popularmente como o berce da nacionalidade. En 1127 o castelo foi cercado por tropas do rei galego-leonés Afonso VII que veu esixir preito de vasalaxe a seu curmán, o futuro rei Afonso Henriques.[3]
Castelogótico en fábica de cantaría de granito e planta no formato aproximado dun escudo facetado. As súas murallas, reforzadas por catro torres, son rasgadas por portas. Grazas ás escaleiras que se atopan nas torres accédese ao adarve, que percorre a parte superior das murallas, coroada por ameas pentagonais, de recorte en punta. Na face oeste, unha ponte de madeira establece a ligazón entre o adarve das murallas e a porta da torre da homenaxe. Na parte norte das murallas son visíbeis as ruínas do antiga antigo recinto fortificado, probabelmente do século XIV, que se divide en dous andares, salientando as súas xanelas exteriores e dúas chemineas.
O portón principal, ao oeste, atópase flanqueado por dúas torres, estando outras dúas flanqueando a Porta da Traizón, ao leste.
A torre da homenaxe, no centro da praza de armas, presenta planta cuadrangular, con poucas aberturas sinalando os andares, ligados internamente por unha escaleira de madeira e de pedra. Un adarve largo e continuo permite a circulación e a observación no cume da torre, coroada por ameas pentagonais rematadas en punta.
É de salientar que na fachada do castelo se atopa unha placa en homenaxe á cultura luso-galaica, onde reza:
Mumadona Dias, desposou o poderoso conde galego Hermenexildo González (Ermegildus Gundisaluis), que gobernou, desde mediados do século X até ao terceiro cuartel do século XI, os dominios do sur de Galiza (condado de Portucale). Mumadona enviuvou por volta de 928, quedando en posesión de vastos dominios, divididos en xullo de 950 entre os seus seis fillos. Nese momento, por inspiración piadosa, fundou, na parte baixa da poboación de Vimaráns un mosteiro, ao que máis tarde doaría, unha gran cantidade de terras, gado, rendas, obxectos de culto e libros relixiosos (26 de xaneiro de 959).
O castelo medieval
A vila de Vimaráns distribuíase daquela en dous núcleos: un no cumio do entón chamado Monte Largo, e outro, no pé dese outeiro, onde o mosteiro foi fundado. Era vulnerábel na época, alén das posíbeis incursións de forzas musulmás, oriúndas da fronteira ao sur de Coímbra, ás incursións de normandos, oriúndos do mar do Norte en embarcacións rápidas e áxiles, que asolaron as costas e o curso navegábel dos ríos galegos da época.
De cara á defensa do núcleo monacal, a benfeitora principiou, no cume do Monte Largo, un castelo para o recollemento das xentes en caso de necesidade. É ben coñecido historiograficamente o treito da carta de doazón dese castelo aos relixiosos, labrada en decembro de 958, do cal consta esa decisión. Crese que a estrutura entón erguida, baixo a invocación de San Mamede, sería bastante simple, composta por unha torre posibelmente envolta por unha cerca.
Un século despois, a poboación de Vimaráns encontrábase entre os dominios doados polo rei Afonso VI de León e Galiza a Henrique de Borgoña, que formaran na parte sur de Galiza o Condado Portucalense. O conde Henrique (1095-1112) e súa esposa, Tareixa escolleron esta poboación e o seu castelo como residencia. Dese xeito, a primitiva construción da época de Mumadona será demolida e, no seu lugar, erguida a impoñente estrutura da torre da homenaxe. O perímetro defensivo foise ampliando e reforzando, abrindo a porta principal, a oeste sobre a vila, e a chamada Porta da Traizón, no leste.
Dentro dos muros desa cerca terá resistido Afonso Henriques (1112-1185), en 1127, ao asedio das forzas do rei galego Afonso VII de Galiza e León, evento que levou Egas Moniz a garantir a aquel soberano a vasalaxe de seu amo, libertando a vila do cerco. No veciño campo de San Mamede, o castelo foi testemuña do embate entre as forzas de Afonso Henriques e as de Tareixa (24 de xuño de 1128) que, coa vitoria das armas do primeiro, deu orixe á nacionalidade portuguesa a partir da galega.
Entre o final do século XII e o inicio do XIII, Sancho I (1185-1211) cercou a parte alta da vila de a cabalo, a fin de lle sinalar un termo, sendo probábel que se tivese iniciado o amurallamento da vila a partir de entón. A mediados do século XIII, so o reinado de Afonso III (1248-1279), iniciouse o trazado definitivo da cerca da vila, unificando a vila do Castelo (parte alta) á vila de Santa María (parte baixa). Estas obras estarían concluídas no tempo de Don Dinis (1279-1325), en data anterior a 1322, cando a vila, cuxo alcaide era Mem Rodrigues de Vasconcelos, soportou vitoriosa o asedio das tropas do infante D. Afonso. No seu interior, entre tanto, mantívose o antigo muro da parte alta, demolido arredor de 1420.
Baixo o reinado de Fernando I (1367-1383), foron executadas obras de reforzo na cerca da vila, asediada neste período polas tropas de Henrique II de Castela, que invadindo Portugal polo Miño, xa conquistaran Braga. Era o seu alcaide, na época, Gonçalo Pais de Meira (1369).
Cando ocorre a crise de 1383-1385, tendo o seu alcaide, Aires Gomes da Silva, mantido o partido de Castela, a vila foi novamente cercada (xuño de 1385), agora polas forzas leais a Xoán I (1385-1433), que a conquistaron. Este soberano unificou a xurisdición das dúas comunidades (alta e baixa), incorporándoas a un único concello, de agora en diante denominado como Guimarães (1389). A cerca de Guimarães comprendía, neste período, un perímetro de cerca de dous quilómetros, sendo reforzada por oito torres e rasgada por oito portas.
Do século XV aos nosos días
A partir do século XV, cos progresos na artillaría, o Castelo de Guimarães perdeu a súa función defensiva. No século seguinte as súas dependencias pasaron a acoller a cadea municipal, e, no século XVII, un palleiro do rei, acentuándose a súa ruína.
En 1836, un dos membros da Sociedade Patriótica Vimaranense defendeu a demolición do castelo e a utilización da súa pedra para empedrar as rúas de Guimarães, xa que servira de prisión política no tempo de Miguel I (1828-1834). Aínda que tal proposta non foi aceptada (por un único voto na Cámara Municipal), a mediados de século procedeuse á demolición da Torre de San Bento.[1] A vila foi elevada a cidade en 1853, por María II (1826-1828, 1834-1853). Posteriormente, baixo o reinado de Lois I (1861-1889) o castelo foi clasificado, por Decreto publicado o 19 de marzo de 1881, "Monumento Histórico de 1ª clase", o único na rexión do Miño.[1]
Clasificado como Monumento Nacional por Decretos publicados o 27 de agosto de 1908 e en 1910,[2] a partir de 1937 a Dirección Xeral dos Edificios e Monumentos Nacionais inicioulle unha extensa campaña de intervención, que culminou coa súa reinauguración, o 4 de xuño de 1940 co gallo das conmemoracións do VIII Centenario da Fundación da Nacionalidade.
Posteriormente o mesmo órgano executou obras menores no conxunto en 1966, 1981 e 1986.
Actualmente atópase ben conservado e aberto ao público.
Azeredo, António Carlos de (2007). Guimarães(en portugués). Porto: Caminhos Romanos. ISBN978-989-95232-3-4., António Carlos de (2007). Azeredo, António Carlos de (2007). Guimarães(en portugués). Porto: Caminhos Romanos. ISBN978-989-95232-3-4.