Antonio Rodríguez González, nado en Vilar de Carracedo (Carracedo, A Peroxa) o 24 de outubro de 1914 e finado en Cañizares (Cuenca) o 27 de xaneiro de 1945, foi un guerrilleiro antifranquista galego.
Fillo de Agustín Rodríguez Incógnito. Cando se produciu o golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 estaba en filas no Rexemento de Infantaría de Montaña Simancas de Gijón, e incorporouse á CNT. Combatiu no exército republicano e foi comandante dun batallón. Coa caída da fronte de Asturias volveu a Galicia e estivo agochado. Ao rematar a guerra xunto co seu irmán Eulogio formaron un grupo guerrilleiro que actuou nos Peares e na Peroxa xunto con Salvador Gil Moure e Clemente Justo Quiroga Vázquez, e do que formaban parte os enlaces Lino Fernández Rodríguez, o seu pai Agustín Rodríguez e Severo Rodríguez Peleteiro. En agosto de 1941 marcharon a Sabadell e desde alí participou na orde de matar a Salvador Gil Moure. Detiveron ao seu pai Agustín e outros colaboradoes e enlaces o 13 de febreiro de 1942.[1][2] Pasaron clandestinamente a Francia no verán de 1944.
Participou na Operación Reconquista de España entrando en España o 4 de outubro de 1944 coa Brigada 21 da 204 División. Con Esteban Rueda de la Hera, José Andrés Benito Vindel e o seu irmán Eulogio adentráronse en España e logo de pasar o Ebro atravesaron o Maestrazgo e presentáronse en Tragacete vía Teruel, nos Montes Universales. Utilizaba o nome de José Iglesias Iglesias. Descubertos e perseguidos, foron cercados en Tragacete o 13 de xaneiro de 1945; José Andrés e Esteban foron abatidos, Antonio foi ferido, pero os irmáns Rodríguez lograron fuxir. Foron localizados o día 27 en Cañizares, Antonio foi abatido na cova de Cueva del Hierro, preto do Caserío de Huerta de Marojales e Eulogio capturado dous días despois.
Casou en Carracedo con Adelaida del Río en 1940.