O municipio de Alzira atópase entre os 14 e 20 metros sobre o nivel do mar, entre os meridianos 3º10' e 3º23' de lonxitude oeste e os paralelos 39º4' e 39º11'. A súa extensión é de 111,46 quilómetros cadrados, polo que é un dos máis extensos da provincia de Valencia. A distancia coa Cap i Casal é de 36 km.
Situado na súa maior parte na marxe dereita do río Xúcar ao que aflúen o río "dels Ulls" ou "Riu Verd" pola súa marxe esquerda e o barranco de Barxeta pola dereita, o río foi navegábel até Alzira por barcos de pequena tonelaxe, navegación que se mantivo ata o século XVI. O termo municipal está dividido en dous sectores, un de 83,24 km² e outro de 28,22 km², chamado La Garrofera, o cal áchase separado polos termos municipais de Massalavés, Benimuslem, Alberic e Benimodo, formando un enclave.
A superficie do termo é moi irregular, sendo completamente cha nas marxes do río Xúcar; cara ao sueste esténdense, paralelamente entre se, as serras de Corbera, a Murta e Lles Agulles, entre as que se desenvolven, os vales da Murta, a Casella e Aigües Vives, mentres que o sector da Garrofera está accidentado polas vertentes orientais da serra de Tous.
O clima é de tipo mediterráneo, cunha brusca transición do estiaxe estival ás abundantes choivas outonais, de tipo torrencial, que producen frecuentes inundacións
Accédese a esta cidade dende Valencia, a través da autoestradaA-7 e a autoestrada AP-7. Ten estación de ferrocarril (RENFE) da liña Valencia-Almansa, e integrada na liña de proximidades Valencia C2. Pódese acceder a Alzira en autobús interurbano desde Carcaixent, Algemesí, Cullera e Sueca.
Para os desprazamentos dentro da cidade, Alzira conta cun servizo de autobuses urbanos (AlziBus) de titularidade municipal cuxas tres liñas unen tódolos barrios coa estación de ferrocarril, o hospital da Ribera, centros de saúde, centros comerciais, centros de ensino etc.