A Goldra é un lugar da parroquia de Mañufe, no concello pontevedrés de Gondomar na comarca do Val Miñor. Segundo o INE en 2019 tiña 32 habitantes (17 homes e 15 mulleres).
Atópase sobre o antigo camiño real entre Tui e Baiona, a 1,7 km do centro da vila de Gondomar e a 20 metros sobre o nivel do mar.[1]
Descrición
A Goldra é unha entidade de poboación de Mañufe, constituída por un conxunto de 32 vivendas[2] nunha contorna paisaxística marcado polo río Pequeno (afluente do río Miñor) e O Monte do Castro, do que se encontra ás súas abas. Antigamente o seu casarío situábase á beira do Camiño Real Tui - Baiona, (un dos camiños máis importantes da antiga provincia de Tui durante o Antigo Réxime[3]), e moi próximo á vía de peregrinación coñecida como O Camiño da Nosa Señora do Norte a Santiago. Este último en liñas xerais corresponde na actualidade á estrada provincial PO-2035, ao seu paso por Mañufe.
Limita ao norte coa Moreira e ao nordés con Cristillón. Ao leste fai estrema con San Brais, ao sur coa Costa e San Sebastián; e a poñente con Galisteo.[4]
Pola aldea discorre a ruta patrimonial de San Vicente a San Sebastián do Portelo, deseñada polo Concello de Gondomar e o Instituto de Estudos Miñoranos. A leira coñecida como A Casa do Silva está mencionada como mostra de edificación tradicional. Aparece descrita polo arquitecto Antonio Soliño Troncoso como vivenda de tipoloxía "a fronte pública"; salienta o seu muro "pincho", balcón e porta no primeiro andar do edificio "e porta, á que se chega dende o camiño a través duns chanzos de granito, na baixa". Matiza que esta peza do patrimonio local, foi sometida, décadas atrás a reformas que desvirtuaron a súa estrutura orixinal. Dentro do seu perímetro atópase "un notable hórreo do tipo Mañufe situado sobre o muro que a separa do camiño intentando ocupar deste xeito a mínima superficie posible de terra cultivable."[5]
Notas
Lugares e parroquias
Lugares de Mañufe
Parroquias de Gondomar