A Česká Filharmonie (en galegoOrquestra Filharmónica Checa) é a principal e máis célebre orquestra da República Checa. Foi elixida como unha das mellores dez orquestras europeas nunha votación da revista francesa Le Monde de la Musique.[1] A súa sede está no Rudolfinum de Praga.
Historia
Os precedentes da orquestra hainos que buscar no século XIX, cando a orquestra da Ópera Nacional de Praga comezou a organizar concertos sinfónicos. O primeiro concerto da orquestra co seu actual nome tivo lugar o 4 de xaneiro de 1894, cando ofreceron obras de Antonín Dvořák dirixidas polo propio compositor. A partir de 1901 a Orquestra Filharmónica será totalmente independente da orquestra da ópera.
Foi co director Václav Talich cando a orquestra acadou recoñecemento internacional pola súa calidade, que se mantivo con batutas posteriores tan prestixiosas como as de Václav Neumann, Karel Ančerl ou Rafael Kubelík. Á parte dos seus directores titulares, tamén ten sido dirixida por importantes directores convidados, entre os que hai que salientar ao gran especialista en música checa Sir Charles Mackerras.
Gravacións discográficas
En 1929 a Orquestra Filharmónica Checa realizou a súa primeira gravación. Foi coa gravación do ciclo de poemas sinfónicosMá vlast de Smetana. O director foi o titular da orquestra naquel momento, Václav Talich.