Trátase da familia de grandes mamíferos menos coñecida: varias das súas especies non se descubriron até as dúas últimas décadas do século XX.
Os zifios son o segundo grupo de cetáceos en canto a número de especies, despois da familia dos golfiños, e foron un dos primeiros que diverxeron da liñaxe ancestral.
Os fósiles máis antigos encontráronse en sedimentos do mioceno, de hai uns 20 millóns de anos.
Características
Os membros desta familia teñen un tamaño medio (para cetáceos), comprendido entre os 2 e os 14 m de lonxitude, e un peso que vai desde 1 a 15 t. A súa principal característica distintiva é a presenza dun fociño fino, similar ao de moitos golfiños, pero aínda máis estreito e dous sucos que converxen na garganta. Tamén se caracterízan por teren a aleta caudal sen incisura, as pectorais e a dorsal pequenas, e esta última situada nunha posición moi posterior.[2]
Aínda que Tasmacetus shepherdi é unha excepción, a maioría das especies desta familia só teñen un ou dous pares de dentes, e incluso estes poden faltar nas femias. A miúdo presentan dimorfismo sexual marcado.[3]
Coñécese moi pouco sobre a vida destes cetáceos, e mesmo algunhas especies, estudadas a partir de exemplares mortos, nunca se observaron en vida, probabelmente debido a que os seus hábitats están en augas oceánicas, moi afastadas das costas. Actualmente coñécense unhas 20 especies, pero podería haber outras aínda descoñecidas.[2]
Taxonomía
Descrición
A familia foi descrita polo naturalistainglésJohn Edward Gray —segundo os autores— en 1850,[4] en Catalogue of the Mammalia in the collection of the British Museum, with descriptions of all the species and figures of the genera. Part I. Cetacea,[5] ou en 1865,[6] en Proc. Zool. Soc. Lond., 1865: 528.[6]
Etimoloxía
O nome da familia, Ziphiidae, foi cuñado por Gray e está formado, como é obrigatorio, sobre a base da raíz do nome do xénero elixido como tipo, Ziphius, -is, en xenitivo, é dicir, Ziphi-, engadíndolle a desinencia -ǐdae, propia das familias dos animais.
Sinonimia
Ao longo do tempo, a familia dos Ziphiidae coñeceuse tamén polos sinónimos:[4]
Algúns autotes consideran, ademais, a subfamilia dos zifiinos,[8][9] que incluiría, entre os taxons con especies actuais, ademais do xénero Ziphius, o xénero Tasmacetus, ambos monoespecíficos. Porén, a maioría das bases de datos de especies non recoñecen esta subfamilia, integrando ambas as especies na familia dos zifíidos.[10]
Carwardine, Mark (1995): Ballenas, delfines y marsopas. Barcelona: Ediciones Omega. ISBN 84-282-1037-3.
Díaz d'a Silva, J. I. e Cartelle, Y. (2007): Guía dos mamíferos de Galicia. A Coruña: Baía Edicións. ISBN 978-84-96893-20-7.
Duguy, R. e Robineau, D. (1987): Guía de los mamíferos marinos de Europa. Barcelona: Ediciones Omega. ISBN 84-282-0811-5.
Heyning, John E (2002): "Cuvier's Beaked Whale", en Jefferson, Thomas A. Encyclopedia of Marine Mammals, pp. 305–307. San Diego (California): Academic Press. ISBN 0-12-551340-2.
Lahuerta Mouriño, Fernando e Francisco X. Vázquez Álvarez (2000): Vocabulario multilingüe de organismos acuáticos. Santiago: Xunta de Galicia. ISBN 84-453-2913-8.
Perrin, William F., Bernd Wursig & J. G. M. Thewissen (eds.) (2002): Encyclopedia of Marine Mammals. 2ª ed. San Diego, California: Academic Press. ISBN 978-0-12-373553-9.
Wilson, D. E. & Reeder, D. M. (eds.) (2005): Mammal Species of the World. A Taxonomic and Geographic Reference. Third edition. ISBN 0-8018-8221-4.