Xoán da Éfeso, nado en Diyarbakır sobre 506 e morto en 585, foi un bispo católico bizantino.
Traxectoria
Tamén foi coñecido como Xoán de Asia. Foi un historiador siríaco e un importante representante da igrexa monofisita.
Nado sobre o 507 en Amida (Diyarbakır), cidade do norte de Mesopotamia (hoxe no sur de Turquía), de lingua siríaca, consagrárono diácono en 529. Sabemos dunha viaxe súa a Palestina en 534 e a Constantinopla en 535, se cadra como consecuencia dunha persecución.
Sobre o 540 estaba en Amida durante a dura persecución dos monofisistas que levou a cabo Efrén patriarca de Antioquía (528-546) e Abraham, bispo de Amida (520-541) e deixou a cidade probabelmente a causa da peste de 542 para se trasladar a Constantinopla onde coñeceu a Xacobe Baradeo fundador da Igrexa ortodoxa siríaca, chamada na súa honra Igrexa xacobita.
Conquistou a confianza do emperador Xustiniano e desenvolveu en 542 unha campaña en Asia Menor contra os restos do paganismo e a presenza dos zoroastrianos. A campaña levou á construción de 41 igrexas a costa dos conversos, mentres outras 55 foron doadas polo emperador en Lidia, Caria e Frixia. As igrexas construíronse en xeral sobre templos pagáns. Tamén se construíu, entre outros, o gran mosteiro de Tralles Aydin sobre un outeiro que domina o val do río Meandro.
Naqueles anos guiou unha expedición a Pepuza, cidade de Frixia aínda non ben localizada, que os montanistas consideraban a nova Xerusalén, para reprimir a seita, destruír o templo local coas tumbas dos fundadores Montano, Priscila e Maximila e queimar os restos.
En 722 León III emitiu un edicto para impoñer o bautismo a hebreos, maniqueos e montanistas; trátase da única pegada dos montanistas despois da represión de Xoán, pero, máis probabelmente, non atangue propiamente aos montanistas senón a outra herexías, os paulicianos por exemplo.
Volveu a Constantinopla en 546 para se ocupar, por encargo de Xustiniano, da represión das tradicións pagás das clases elevadas (gramáticos, sofistas, médicos e sobre todo Foca, prefecto da cidade): cousa que fixo con encarceramentos, humillacións e queimas de libros e de imaxes de ídolos (testemuño de Xoán Malalas para o 558).
En 558 Xacobo Baradeo ordenouno bispo da Igrexa monofisita de Éfeso.
En 565 el mesmo di que era o principal responsábel dos ingresos da Igrexa Monofisita.
A súa fortuna cambiou coa morte de Xustiniano (565) e a subida ao trono de Xustino II.
En 571, co apoio do emperador, o patriarca de Constantinopla, Xoán III Escolástico, iniciou unha dura persecución dos xefes da Igrexa Monofisita. Xoán sufriu as consecuencias coa perda dos dereitos civís e a prisión, como el mesmo conta.
Os últimos eventos que se contan na súa historia son relativos ao ano 588; non sabemos nada da súa morte, que seguramente acaeceu pouco despois.
Obras
Foi autor de dúas obras: Biografías de santos orientais e unha Historia da Igrexa.
Biografías de santos orientais
As biografías foron escritas preto do ano 569[1] e conteñen unha serie de retratos de relixiosos monofisitas.
Historia da Igrexa
A Historia da Igrexa, escrita en lingua siríaca, dividida en tres partes, empezaba con Xulio César e remataba en 588, probábel ano da súa morte.
Non fica nada da primeira parte. A segunda parte, desde Teodosio II aos primeiros anos de Xustino II, foi atoopada en manuscritos do British Museum[2] e no Codex Zuquenensis[3] conservado no Vaticano.
Na súa Historia da Igrexa o autor é dos primeiros a sinalar a aparición dos eslavos:
Tres anos tras a morte de Xustino (581) o maldito pobo dos eslavos, chamados esclavenos, recorreu toda a Hélade, as provincias de Tesalónica e de Tracia, saqueou gran cantidade de cidades, tomaron ao asalto numerosas fortalezas, devastaron e queimaron, reduciron a escravitude a poboación e apoderáronse de todo o país...
A terceira parte da historia de Xoán atangue, en detalle, os eventos do 571 ao 588 e é preciosa para as informacións sobre o movemento monofisita. Existe unha copia do século VII no British Musem[4]; atopouse outra copia no convento de Santa María Deípara do deserto de Scetes en Exipto.
Notas
- ↑ publicado por J.P.N Land in Anecdota Syriaca
- ↑ publicada por J.P.N Land in Anecdota Syriaca
- ↑ publicado por A.Harrak in The cronicle of Zuquin
- ↑ publicado por Robert Payne Smith
Véxase tamén
Bibliografía
- Robert Payne Smith (Oxford, 1860) The third part of the Eclesiástical History of John bischop of Ephesus Texto completo
- Amir Harrak, The Chronicle of Zuqnin, Parts III and IV (Instituto Pontificio de Estudos Medievais, 1999) ISBN 0-88844-286-6 (en inglés)
- Jan Pieter Nicolaas Land, Anecdota syriaca texto completo
- Xoán da Éfeso, Historia da Igrexa: III parte; tradución en: www.tertullian.org. Inclúe indicacións sobre a vida individual en "Chronicle of the Jacobite Patriarch, Dionysius" (en inglés)
- Xoán Malalas, Cronographia in DocumentaCatholicaOmnia
- Susan Ashbrook-Harvey, Asceticism and Society in Crisis: John of Ephesus and the "Lives of the Eastern Saints. EScholarship, California Digital Library, 2002. Consulta parcial (en inglés)
- Jan Jacob van Ginkel, John of Ephesus. A Monophysite historian in Sixth-century Byzantium. Groningen, 1995 (Tese). (en inglés)
Outros artigos
Ligazóns externas