León o Diácono (en grego Λεών) foi un historiador bizantino do século X de cuxa vida persoal se coñece moi pouco.
Traxectoria
Naceu en Caloe, ao pé de Monte Tmolo, preto das fontes do río Caistro. Seu pai chamábase Basilio. Foi a Constantinopla, onde seguiu os seus estudos (966), e fíxose partidario de Nicéforo II Focas, e el mesmo descríbese como un mozo neste tempo (nacería sobre o 950). Estaba en Asia cando foi deposto o patriarca Basilio I de Constantinopla e foi elixido o seu sucesor Antonio III (973 ou 974) e explica que neste tempo viu dous xemelgos duns trinta anos unidos polo costado.
Foi ordenado diácono e como tal acompañou a Basilio II na súa desgraciada campaña contra os búlgaros o 981; despois do asedio de Tralitza (antiga Sárdica) escapou por pouco da catividade e fuxiu a terras seguras. Máis tarde xa non se sabe nada, pero a súa historia escribiuse despois do 989 posto que menciona a revolta e morte de Focas Bardas que ocorreu este ano.
Viviu probabelmente ata polo menos o 993, posto que di que o emperador Basilio II restaurou en seis anos a cúpula de Santa Sofía, destruída por un terremoto en 987.
Obras
As súas obras son:
- Ἱστορία Βιβλίοις ι', Historia Libris decem: Historia, en dez libros.
- Oratio ad Basilium Imperatorem: Discurso ao emperador Basilio.
- Homilia in Michaelem Archangelum: Homilía ao arcanxo Miguel.
Das dúas últimas consérvase un exemplar. A Historia inclúe un relato da expedición a Creta de Nicéforo Focas so Romano II (959), a morte de Xoán I Tzimisces (975), as vitorias do emperador Nicéforo I Tzimisces sobre os musulmáns en Cilicia e Siria e a reconquista destas terras ou de gran parte delas e as guerras contra búlgaros e rusos.
Véxase tamén
Ligazóns externas