Fillo de Manuel Andrade Carlín, deuse a coñecer como poeta arredor do 1900, ao gañar o primeiro premio nun certame organizado polo Ateneo León XIII de Compostela. Foi premiado pola composición "Íntima" na celebración do centenario de Rojas Zorrilla en Toledo. En 1910 gañou en Santiago a flor natural polo poema "Las cumbres" e o primeiro accésit por "La casa muerta".
Salienta a súa obra lírica en castelán:
Al amor del terruño (1915), libro de corte clásico e inspiración romántica que contén os seus poemas premiados
Al desplegarse la rosa (1917), monólogo lírico
Diana de gaita (1930), na que mostra unha visión da paisaxe galega de gran sensibilidade. Algunhas investigacións sinalan a influencia deste libro na obra de Luís Amado Carballo e na escola imaxinista.
Andrade tiña máis obras pendentes de publicación, mais non chegaron ao prelo por mor do seu pasamento: Poemas compostelanos, Enfoques (estudos sobre sensibilidade); El Pazo, los cipreses y el mar (ensaios sobre a paisaxe) e a novela La sombra de Fr. Juan.
En lingua galega publicou só tres ou catro poemas, aínda que parece que antes do seu pasamento preparaba a publicación dunha obra lírica en galego, Cantarelas.