Era fillo de Livia Drusila e fillo adoptivo de Octavio Augusto. Sucedeu o seu pai adoptivo e gobernou o Imperio Romano do 14 d. C. ó 37 d. C., co nome de Tiberio Xulio César Augusto. Foi militar de carreira, destacando as súas campañas contra os panonios e os dálmatas. Tamén foi importante a súa expedición punitiva contra os xermanos que derrotaran as lexións de Quintilio Varo na fraga de Teotoburgo.
Pertencente á gens Claudia por parte de nai, emparentou coa gens Iulia ao divorciarse súa nai de Tiberio Claudio Nerón e contraer matrimonio con Octavio Augusto. Esta unión fortaleceuse co matrimonio do propio Tiberio coa filla do Emperador, Xulia a Maior, e quedou patente cando foi adoptado formalmente por Octavio, outorgándoselle poderes tribunicios.
Como Tribuno reorganizou o exército, modificando as leis marciais, creando novas lexións e aumentando os anos de servizo de todo cidadán romano a 20.
Co paso do tempo Octavio Augusto fíxose inimigo de Tiberio, chegando a exilialo na Illa de Rodas, de onde volveu e foi nomeado sucesor imperial trala morte de dous dos netos de Octavio, Caio César e Lucio Xulio César, e o desterro por traizón do terceiro neto, Póstumo César, e ante a falta de herdeiro.
Tiberio Claudio Neron sucedeu co nome de Tiberio Xulio César Augusto a Octavio Augusto no trono imperial o 19 de agosto do ano 767 dende a fundación de Roma, o ano 14 segundo o calendario cristián.