Suesca é un concello colombiano de Cundinamarca, situado na provincia de Almeidas, a 59 km ó nordés de Bogotá. A altitude media do concello é de 2584 m s. n. m., e o clima é tépedo, cunha temperatura media anual de 14.3 °C.[1]
Toponimia
O topónimo «Suesca» deriva do muysc cubun (lingua muisca), e está formado por dous vocábulos: sue, que significa «ave», e hyca, que significa «rocha», ou «pedra», de modo que Suehyca, simplificado como Suesca, significa «Rocha das Aves».[2][3]
Historia
Na época precolombiana, Suesca era un dos once uta (poboados, ou aldeas) que integraban o zybyn (clan) de Guatavita, no territorio que na Confederación Muisca correspondía ó Zipazgo. O tybaragüe (gobernante local) de Suesca era tributario do sybyntiba (cacique) de Guatavita.
O 14 de marzo de 1537, Jiménez de Quesada chegou a este último poboado e quedou marabillado pola bondade dos seus habitantes e pola beleza das súas impoñentes rochas, o mesmo que polo seu clima e a súa tranquilidade. En 1565 resolveuse e ordenou trasladar o casarío ó sitio onde hoxe se atopa, para evitar así as graves consecuencias que sufrían os indíxenas coas inundacións do río Funza (antigo nome do río Bogotá).