Un soportal[1] é o espazo cuberto que precede á entrada dalgúns edificios[2] que se forma sostendo a parte dianteira do mesmo con columnas ou piares[3]. Adoita denominarse en plural: soportais.
As máis das veces os soportais esténdense nas casas acaroadas de toda unha rúa, un casal (ou rueiro) ou unha praza, e dispóñense ante as entradas e baixo a parte máis adiantada cara a rúa dos andares superiores, permitindo o tránsito cuberto de peóns a través del, paralelamente á propia rúa. A súa forma é a dun cuberto, loxa, atrio ou pórtico alongado; aínda que non se limita á entrada principal (como sucede en pórticos e atrios). Os soportais adoitan percorrer totalmente a fachadadun ou varios edificios; e no caso das rúas asoportaladas ou porticadas continúan en toda a lonxitude da rúa, frecuentemente a ambas as dúas beiras.
Son moi frecuentes na arquitectura rural (non moito na galega) e caracterizan dende a Idade Media as rúas comerciais e prazas principais das cidades históricas de moitos lugares de Europa, España e Galicia, como Santiago de Compostela . Cando non responden a un deseño planificado non hai unidade nas súas dimensión e aspecto (por exemplo, na multiplicidade de elementos sustentantes -columnas, piares ou pés dereitos-). Unhas son alinteladas e outras abovedadas, ou sustentadas en galerías de arcos (arcadas).
Fican vinculados á función comercial co gallo de manter mercadorías e persoas abeiradas da choiva e o sol, por iso son tan útiles na arquitectura urbana galega.
Soportais en Galicia
Os soportais son moi comúns na arquitectura urbana de Galicia dende a Idade Media. Aparecen en moitas vilas costeiras cara ás praias e na maior parte de prazas maiores e rúas vellas de vilas e cidades, dende os máis sinxelos alintelados até os máis desenvolvidos con arcos. Non son comúns na arquitectura rural vernácula.