SON é un partido político instrumental galego creado no ano 2015 promovido por ANOVA e Esquerda Unida[1] para concorrer ás eleccións municipais dese ano en diversas localidades de Galicia.
A súa finalidade foi a de ofrecer soporte legal para aquelas agrupacións políticas municipais que por motivos legais non tivesen posibilidade de presentarse ás eleccións no seu concello. Así mesmo tamén buscaría sumar votos para poder acadar representación nas Deputacións Provinciais[2].
As candidaturas unidas a esta coalición levaron a palabra SON no seu nome, ben como prefixo ou sufixo engadido ao nome do partido político, ou baixo a fórmula "Son de" máis o nome do concello correspondente.
Nas eleccións municipais de 2019 concorreu de novo baixo a marca "Son-En Común".
Tras as eleccións de maio do ano 2015, as candidaturas coaligadas a SON acadaron as alcaldías de Cangas, Ferrol, Manzaneda, Teo e Val do Dubra, á cal se lle sumou Mugardos tras unha moción de censura en agosto de 2016. A suma de votos recibidos por estas candidaturas foi de 53.205, representando o 3,61% dos votos válidos.
En 2019 lograron as alcaldías de Cangas, Mugardos e Teo, se ben perderon a de Mugardos nunha moción de censura en novembro de 2019.