A Sinfonía Nº1 en Mi menor Op. 39 de Jean Sibelius foi composta entre 1898 e 1899, cando o compositor contaba con 33 anos de idade. Foi estreada o 26 de abril de 1899 pola Helsingin kaupunginorkesteri baixo a batuta do propio compositor, nunha versión orixinal que non sobreviviu. Logo da estrea, Sibelius realizou diversas revisións da obra que deron como resultado a versión definitiva que se interpreta na actualidade. A versión revisada foi finalizada entre a primavera e o verán de 1900, e foi estreada en Helsinqui pola Helsingin kaupunginorkesteri baixo a batuta de Robert Kajanus o 1 de xullo de 1900, e pouco despois, o 18 de xullo, foi interpretada en Berlín cos mesmos protagonistas.[1][2]
Sibelius comezou a planear a súa primeira sinfonía na primavera de 1898 en Berlín durante unha viaxe que realizou coa súa muller Aino.[1][3] Ao igual que Johannes Brahms, Sibelius esperou moitos anos ata enfrontarse ao esixente reto de compoñer unha sinfonía, se ben anteriormente xa escribira un poema sinfónico para orquestra, solistas e coro, á que se adoita denominar Sinfonía Kullervo.[4][5]
A Sinfonía nº 1 de Sibelius é cada vez máis recoñecida como unha obra menos romántica e máis moderna, malia teren pasado máis de 100 anos dende o seu nacemento, aínda que o seu ton aínda é moi "romántico" en virtude dos seus sentimentos abertos.[6]
Como a meirande parte das sinfonías, está estruturada en catro movementos:
A primeira gravación foi realizada por Robert Kajanus coa London Symphony Orchestra para o selo HMV en maio de 1930.