O sentimentalismo é un movemento filosófico, artístico e espiritual fundado polo escritor Xesús Manuel Valcárcel. Segundo os seus textos programáticos, o sentimentalismo “promove a liberación da persoa a través da arte e do coñecemento”.[1]
Como movemento literario e artístico, o sentimentalismo comezou en Lugo na década de 1970 arredor do semanario Táboa Redonda do xornal El Progreso e do programa radiofónico Fogar de Breogán da Cadena SER, dirixido por Xesús Manuel Valcárcel. Nestes medios, o movemento tivo a editorialización dos seus primeiros comunicados.[2] Tamén está vencellado ao colectivo poético Cravo Fondo, do que foi inspirador. A base teórica do sentimentalismo preséntase nunha triloxía conformada polos ensaios Animal sentimental, Dialéctica sentimental e Práctica sentimental, publicados por Ir Indo Edicións.
Segundo os textos fundacionais, “o sentimentalismo parte do esgotamento da tradición racionalista occidental, da necesidade de alternativas e da importancia dos sentimentos na interpretación e na xestión do mundo; parte da valoración individualista da persoa, a través da rebeldía, para promover un cambio de conciencia, reivindicando a sabedoría ancestral e a rica variedade das culturas e dos seres concretos”[3].
O sentimentalismo publicou a través do seu órgano de comunicación as coñecidas como TAR (Tres Antoloxías de Referencia), correspondentes á Etapa de Fundación, á Etapa de Implantación e á Etapa de Expansión.
Na Etapa de fundación (2011), Manuel Celso Matalobos e Olga Patiño Nogueira xuntaron unha selección de textos dos autores que se sumaron nun inicio aos Manifestos do Movemento. A Etapa de implantación (2012) foi coordinada por Carlos Arias Iglesias e Mariña Pérez Rei. Finalmente, na Etapa de Expansión (2013) Xavier Lama e Branca Novoneyra seleccionaron varios poetas novos para compoñer unha nova antoloxía do sentimentalismo, que valoran como un “movemento xa suficientemente vertebrado desde a perspectiva ideolóxica e a adscrición autoral”[4][5].