Francisco Xosé Fernández Naval, "Chisco", nado en Ourense o 26 de abril de 1956[1], é un narrador e poeta galego.
Licenciado en Filosofía e Ciencias da Educación. Funcionario da administración pública ata a súa xubilación en 2019, reside desde 1982 na Coruña. Comparte a vida coa fotógrafa Maribel Longueira, e teñen un fillo nado en 1986, chamado Daniel.
Desde 1980, coa publicación do seu primeiro poemario, A fonte abagañada, desenvolveu unha carreira literaria onde cultiva tanto a ficción (poesía, novela, relato e narrativa infanto-xuvenil) como outras modalidades (ensaio, guías de viaxe e artigos en revistas galegas, españolas e americanas).
Na súa produción narrativa destacan, entre outros temas, o seu achegamento á guerra civil española, o despoboamento do mundo rural e, en xeral, o tratamento da memoria como elemento esencial de identidade individual e colectiva. Na súa obra poética ten como temas recorrentes o compromiso social, o paso do tempo, a memoria e o tratamento da paisaxe, mentres que na súa obra ensaística, destaca a súa análise sobre a figura de Julio Cortázar e a súa relación con Galicia, xunto a un interese especial pola cultura marítima.
Tamén escribiu guións para series da Televisión de Galicia, produtoras do sector audiovisual e institucións culturais. Colaborou en diversos medios de comunicación, así como ten participado en numerosos recitais e conferencias.
Participou na creación das compañías teatrais Rúa Viva e Caritel, e o seu monólogo Non se che faga tarde foi representado pola actriz María Inés Cuadrado en salas de España e América. Implicado desde novo nos movementos asociativos culturais, asiste regularmente a encontros, congresos e a festivais poéticos en Europa e América.
A súa obra foi traducida a varias linguas, entre elas: portugués, castelán, éuscaro, catalán, francés, italiano, inglés, ruso e árabe.
Entre 2002 e 2003 formou parte, como vogal, do Consello Directivo da AELG, substituíndo a Luísa Villalta.
Dende o mes de outubro de 2022 forma parte da Comisión de pensamento do Consello da Cultura Galega.