Salome é unha ópera nun acto con música de Richard Strauss e libreto en alemán do propio compositor. Tivo a súa estrea o 9 de decembro de 1905 no Königliches Opernhaus de Dresden, logo de ser prohibida en Viena, con Ernst von Schuch como director e Marie Wittich no papel de Salomé. Está baseada na tradución alemá de Hedwig Lachmann da obra en francés Salomé de Oscar Wilde. Strauss adicoulle a ópera ao seu amigo Sir Edgar Speyer.[2]
A ópera é famosa (en tempos da súa estrea, foi considerada infame) pola súa "Danza dos Sete Velos", considerada escandalosa na época. Actualmente é máis coñecida pola sorprendente escena final (decotío peza de concerto para sopranos dramáticas), onde Salomé declara o seu amor á cabeza cortada de Xoán o Bautista.
Salomé é a primeira ópera que abre novos camiños ao xénero tralo impacto wagneriano e sintonizou coas novas correntes que o mundo de Berlín incorporara ao teatro, no que coexisten simbolismo e decadentismo cun expresionismo incipiente. Acollida con entusiasmo, malia o escándalo que logo suscitaría en Berlín, Londres ou Nova York, converteuse nunha das óperas do século XX máis admiradas e representadas.[3]
Personaxes
Notas
Véxase tamén