A Saga do Exército de Red ou a Saga da Red Ribbon é a terceira saga de ficción do manga e anime Dragon Ball. Nesta saga, despois do Gran Torneo das Artes Marciais, Son Goku vai busca-la bóla de catro estrelas do seu avó Son Gohan que perdera na saga de Pilaf, comezando así unha nova aventura.
Xeralmente, adóitase dividir esta saga en varias subsagas, para que así sexan máis curtas.
Son Goku, despois da cea á que foi convidado na saga anterior, comeza a súa viaxe para atopa-la bóla do dragón de catro estrelas do seu avó Son Gohan.
Primeiro atópase con Nam (o loitador que foi ó torneo para gaña-los cartos do premio e así mercar auga para a súa xente mais que acabaría derrotado por Son Goku) que está a busca-la razón pola que non chega nin pinga de auga á súa aldea nin ó río que pasa por alí. Así, os dous diríxense cara ó nacemento do río. Alí descobren que Xiran (o loitador que tamén foi derrotado por Son Goku no torneo) e os da súa raza fixeron un encoro que non deixa que chegue auga dabondo ó río. Serán Son Goku quen o teña que abrir cunha Onda Vital (Kame Hame Ha) xa que eles non podían. Porén, no deserto no que está a aldea de Nam desátase unha tormenta de area que fai desaparece-lo río. Aínda así, o chamado lago máxico achégase ata a aldea polo que esta se salva. Esta aventura só acontecería no anime.
Son Goku localiza unha das bólas co radar e diríxese cara a alí. Porén non é o único que as está a buscar xa que Pilaf e unha misteriosa patrulla andan tamén na súa procura. O lugar é unha vila mexicana, e Pilaf parece que é o primeiro en atopala xa que lla merca a un anticuario, aínda que ó se cruzar con Son Goku foxe cos seus serventes Shuu e Mai nunha especie de nave (cunha aparencia semellante á estrela da morte). Non obstante, aínda que Son Goku non os deixa escapar, resulta ser unha bóla falsa. Por outra banda, a patrulla dirixida polo coronel Silver rexistra mediante a forza tódalas casas da vila sen éxito. A verdadeira bóla atópase no niño dun paxaro que ó ser escorrentado por estes vaise levando a bóla consigo.
O paxaro e maila bóla son comidos por unha especie de dinosauro e este á súa vez e cazado por Gyūmaō, o pai de ChiChi, que está a vivir xunto á súa filla nunha vila dos redores e preparan o casamento entre ela e Son Goku (aínda que este non sabe nada disto). A persecución da bóla lévaos a todos cara a alí. Son Goku e ChiChi atópanse onda unha maceira e entrementres Pilaf, Mai e Shuu facéndose pasar por Son Goku introdúcense na voda e acadan a bóla do dragón dentro do dinosauro que foi capturado para o banquete. Ademais o coronel Silver e a súa patrulla atacan a vila e aínda que Gyūmaō é quen de se defender nun principio, ó final é atrapado. Pilaf e os seus serventes conseguen escapar na súa nave mais seguidos moi de preto por Silver. A nave de Pilaf agóchase baixo as areas do deserto na súa base secreta polo que consegue despistalos. Porén, Son Goku achégase ata alí e Pilaf ó tentalo atacar é descuberto polo que comezan a atacar. Aínda que tenta fuxir é derrotado e forzado a lle entrega-la bóla do dragón ó exército de Red (Red Ribbon) que desexa atopa-las bólas para domina-lo mundo. Son Goku que se atopaba no medio da batalla sálvase grazas á nube Kinto.
Coa nova bóla acadada, o coronel Red xa ten tres polo que manda a Silver busca-la seguinte.